Boas prácticas no turismo para diminuir a pegada

Unidad 2

Todos gustamos de facer turismo, de visitar sitios novos, coñecer novas culturas, outras comidas, outros costumes, etc. Pero hai moitas formas de facer turismo; unhas con maior impacto que outras.

Debido á aparición de compañías aéreas de baixo custo cada vez é máis frecuente ir pasar unha fin de semana a Roma, París, Londres... Como xa mencionamos con anterioridade, o avión é o medio de transporte que máis impacto enerxético provoca. É recomendable, a ser posible, deixar esas viaxes para períodos de tempo prolongados.

Non se trata só do transporte empregado para desprazarnos nas vacacións, debemos tamén analizar o lugar ao cal queremos ir e que imos facer alí. Hai zonas costeiras que están totalmente estragadas debido a unha afluencia excesiva de turistas, o que dá lugar a unha urbanización incontrolada co consecuente gasto enerxético, de auga e doutros recursos locais. É o caso da Costa Brava, da Costa del Sol, e dun longo etcétera. Temos exemplos ben próximos como Sanxenxo ou Baiona, que no verán se enchen de turistas que, para cubriren o que eles consideran as súas “necesidades vacacionais”, seguen condutas de malgasto enerxético e impacto ambiental.

É xa que logo importante facermos unha análise previa para poder tirar bo proveito das nosas vacacións sen crear paralelamente un impacto altamente negativo; quer dicir, debemos ser turistas responsables.

Unidad 2