Impactos do cambio climático no océano costeiro



Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia do investigador do Centro Oceanográfico de A Coruña, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía, Antonio Bode Riestra. O seu tema referiuse aos impactos no océano costeiro, que se aborda no capítulo 7 do libro da terceira etapa de Climántica, Auga e cambio climático.

Antonio Bode iniciou a charla caracterizando o océano a nivel global, sinalando que se trata do ecosistema máis productivo, por canto que supón o 55% da produción primaria mundial. Fixo fincapé tamén no seu papel na regulación do clima e tamén na regulación dos niveis de CO2, como o principal sumidoiro deste gas polo efecto de dúas bombas: unha biolóxica que o retira nos restos carbonatos cara os sedimentos, e unha bomba física, en forma de arrastre de auga fría que descende e o almacena no fondo do océano. Deste xeito retírase a metade de dióxido de carbono emitido á atmosfera. Nesa visión global do océano, enumerou tamén unha serie de impactos sinalados no último informe do IPCC: incremento do nivel do mar, acidificación, desxeo do polo Norte, diminución da salinidade e aumento de eventos extremos.

A continuación situou o océano costeiro como o 15% das superficie oceánica no que se localiza máis do 50% da poboación. Analizou as razóns, moitas das cales teñen que ver cos usos e posibilidades que ofrece ese océano costeiro. Contextualizou esa análise en Galicia na que, dixo que as actividades relacionadas co océano supoñen o 70% da actividade económica e do orde do 80% do turismo. Reflexionou sobre a relación desas actividades con moitos dos impactos actuais do océano costeiro.

Na análise dos impactos, empezou polo quentamento. Destacou que este está sendo bastante acelerado nas nosas latitudes, no que está a supoñer un promedio de 0,8ºC cada 30 anos e que ao final do século pode ser de 3º C, situación que pode resultar crítica para determinadas especias.

O seguinte impacto que analizou foi a subida do nivel do mar, que relacionou co quentamento e co desxeo terrestre (glaciares). Sinalou que en Galicia está a producirse un aumento do nivel do mar de 2 cm. por década ao longo dos últimos 60 anos. Sobre este dato propuxo a reflexión do que supón que un cm. de subida do nivel do mar, poida implicar a perda de hasta un metro de lonxitude de praia. En relación a esta análise, fixo tamén mención a que este dato complícase máis co aumento que se está a observar nos temporais e no tamaño das ondas. Dixo que isto xa se estaba a ter en conta en obras públicas como se está a ter en conta no porto exterior de A Coruña.

Sobre a diminución do pH indicou que este estaba a descender 0,05 unidades/década desde 1975. Referiuse aos efectos desta variación sobre o desenvolvemento dos organismos con esqueleto carbonato, e sobre os riscos que pode chegar a supoñer sobre a resistencia de cunchas de mexillóns e ostras.

Outros dos impactos que analizou foi diminución do afloramento por diminución dos ventos do Nordeste. Estes ventos, predominantes en verán, teñen unha orientación perfecta para retirar a auga da superficie cara o interior, facilitando con esta depresión na costa, o escenso de auga fría profunda, rica en nutrientes. Dixo que estes ventos antes mantíñanse durante un período amplo, de febreiro a novembro. Na actualidade estanse a reducir, posiblemente debido ao cambio climático, e isto está a afectar a produtividade das rías.

Fixo mención a que a nivel global tamén se está a rexistrar dende o ano 1958 unha estratificación xeral debido ao quentamento da auga superficial, provocando unha diminución da produtividade primaria. Expuxo que tamén se está a constatar a diminución de diatomeas e o aumento de dinoflaxelados, algúns dos cales son os responsables das mareas vermellas. Este aumento de dinoflaxelados tamén se está a constatar nas rías, onde se observa unha renovación máis lenta pola diminución do afloramento, que coincide co aumento de días de peche dos polígonos por mareas vermellas.

Entre os impactos derivados do aumento da temperatura das augas costeiras galegas pode subliñarse a aparición de especies asociadas a augas máis quentes, entre as que xa se teñen identificado 21 especies de afinidade subtropical.

Rematou a conferencia referíndose a outros impactos nos ecosistemas oceánicos non derivados do cambio climático. Para facelo apoiouse nun mapa de impactos no océano publicado pola revista Science (2008), entre os que mencionou os vertidos, a diminución de peixes predadores por sobrepesca. Contextualizando en Galicia, fixo mención á diminución do tamaño do mexillón, a diminución da ameixa babosa polo aumento da temperatura das augas, que pon tamén en compromiso á ameixa fina, que está xa no límite de distribución. Por último fixo mención á diminución de capturas de polbo, parece ser que asociado á diminución do afloramento.

 
0 comentarios nesta entrada.