Os condicionantes xeolóxicos da biosfera dende a orixe da vida ata a sociedade do cambio climático



Xa está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle o terceiro e último seminario que impartiu no curso, Ciencias da Terra para o mundo contemporáneo o  vulcanólogo fundador da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT), Francisco Anguita Virella.

O doutor Anguita centro este seminario na procura  de respostas á pregunta sobre se a nosa soidade (ou compañía) cósmica é tal vez a máis popular que se pode facer á Ciencia, e sobre as implicacións das nosas accións para a continuidade da vida do Planeta no cosmos. Dixo que o fío condutor introdutorio para responder a estas preguntas,  buscouno nun libro escrito por dous científicos, un paleontólogo e un astrónomo. Unha vez exposto este fío condutor introdutorio, pasou a avaliar o comportamento da nosa sociedade co resto da biosfera, e co planeta en xeral.

Con este enfoque, consolidou a estrutura conceptual do seminario sobre estas catro ideas - eixo fundamentais:

1) As condicións para a vida no Universo. 
2) A información do rexistro xeolóxico sobre a vida na Terra. 
3) O homo sapiens e as súas relacións cos recursos xeolóxicos.
4) Consecuencias para a biosfera do uso dos recursos xeolóxicos da nosa época e as solucións que lle estamos a dar.

A argumentación sobre estes catro eixos conceptuais que expuxo no seminario, quedan recollidos neste documento que queda á disposición dos usuarios para a súa descarga.

 

O enfoque medioambiental da Terra fluida



Xa está publicado en Climántica TV o vídeo do segundo seminario impartido polo vulcanólogo Francisco Anguita Virella no curso Ciencias da Terra para o mundo contemporáneo, titulado O enfoque medioambiental da Terra fluída.

O fío que seguiu para enfocar os aspectos medioambientais da Terra fluida foi a suma de problemas ambientais que ten formulada a sociedade actual no hidrosfera, na atmosfera e na criosfera; que ilustrou mediante un gráfico publicado por un grupo internacional de investigadores en 2009 na revista Nature, no que se cuantificaba o grao en que estamos a violar as marxes de seguridade do planeta. Sobre esa imaxe propuxo a tese de que a maioría dos problemas ambientais, refírense á Terra fluída, o conxunto de subsistemas que abrangue atmosfera, hidrosfera e criosfera.

Con este fío condutor foi revisando os impactos que producimos, e seguimos producindo, sobre cada subsistema da Terra fluída: os aerosois na atmosfera; a acidificación que esta contaminación causa nos océanos; o burato de ozono, que non parece reducirse significativamente, e agora ademais apareceu sobre o Ártico; as alteracións nos ciclos do nitróxeno e o fósforo; os conflitos en torno á auga; e por último o cambio climático, que inflúe en moitos dos outros temas.

Estes impactos xustificounos nos esquemas básicos de circulación atmosférica (coas súas células de Hadley) e oceánica (a famosa fita transportadora global e o fenómeno periódico Del niño) e do ciclo da auga, cunha corrente fluvial como tema máis complexo.

O contido detallado que expuxo en relación á contaminación e impactos sobre a atmosfera e a hidrosfera, e o relativo aos impactos do cambio climático sobre os subsistemas fluídos quedan recollido neste documento para a súa lectura e descarga.

 

Sistemas de depuración de augas residuais con macrofitas



Está publicado en Climántica TV o vídeo da conferencia – coloquio impartida por Diego Rey Quintana sobre a depuración de augas residuais con macrofitas, mediante os tipos de sistemas baseados nos sistema de macrofitas emerxentes que se explican no capítulo 8 do libro da terceira etapa de Climántica Auga e cambio climático. Este relator expuxo as bases técnicas do sistema de depuración con macrofitas que desenvolveu dentro do proxecto I+D+i Hidrolution, posto en marcha por Vicente Torres Junco.

O enxeñeiro Rey, destacou as vantaxes do sistema en relación ás tecnoloxías convencionais, subliñando que non ten custo enerxético, ao usar plantas que inxectan osíxeno atmosférico á auga. Trátase dun sistema desenvolto con macrofitas emerxentes do xénero Typha. Baseándose nas bases morfolóxicas, histolóxicas e fisiolóxicas; fundamentou como estas plantas dispoñen dunha membrana que é capaz de transferir de xeito selectivo o osíxeno atmosférico, dende o medio máis concentrado (21% na atmosfera) ao medio anóxico propio das augas contaminadas.

Explicou como os sistemas se montan sobre unhas estruturas que facilitan a flotación da planta, para que non perda enerxía en manter a verticalidade. Co tempo, desenvolven un armazón radicular de tal densidade, que permite, ao cabo de 3 anos, desprazarse sobre a superficie sen necesidade de mollar os pés.

En relación á actuación destas plantas nos sistemas que poñen en marcha imitando os procesos naturais, diferenciou tres substratos:
  1. Inferior no que decanta a materia orgánica más densa e no que non existe osíxeno, e por tanto no que se producen procesos anaerobios e fermentativos.
  2. Superior, ou substrato flotante, que é rico en osíxeno atmosférico aportado polas raíces das plantas.
  3. Zona facultativa intermedia, que favorece a interacción aerobia e anaerobia, que a fai moi reactiva; e por tanto non xera niveis significativos de lamas e malos olores.

En relación á superficie necesaria, aportou o dato de que chega con un m2/habitante, e apoiándose nel, defendeu este sistema como moi interesante para un territorio con dispersión da poboación, como é o caso de Galicia. Sinalou tamén que se trata dun sistema que non requiría da separación entre augas da pluviometría das dos colectores, porque o aumento e diminución do nivel, non afecta ao funcionamento do sistema, dado que os microorganismos están asociados ás raíces.

Fixo referencia tamén aos diferentes sistemas que están a desenvolver, destacando sobre todo 3 modelos:
  1. En balsas, que se dispoñen onde non hai nada previamente, e neste caso constrúense uns sistemas graduados de balsas.
  2. Depuradoras recicladas. En depuradores convencionais que se abandonan cando non se ten medios para mantelas. O que se fai é plantar nos tanques da depuradora.
  3. Illas en lagos, un sistema que usan nos proxectos de axuda ao desenvolvemento que se están levando a cabo en África.

En relación a estes últimos, dixo que os lagos de África en xeral están contaminados por augas residuais, e aínda así, a xente úsaos para bañarse e beber. Por iso a súa intervención busca mellorar de xeito eficaz a calidade desas augas. Para conseguilo, montan illas flotantes de macrofitas nos puntos onde ocorren os vertidos. En relación a estas intervencións, referiuse á importancia das intervencións en África na liña de aportar á depuración de augas residuais unha dimensión potabilizadora; porque a xente consumía as augas contaminadas. Puxo como exemplo o que ocorre nas ribeiras do río Níger, onde a xente consume a auga do río moi contaminada con metais pasados, e a esperanza de vida está nos 40 anos.

En relación á depuración de augas residuais con produtos químicos, sinalou que pode requirir dunha arqueta na entrada á depuradora; porque as augas son tóxicas, pode afectar ao desenvolvemento. Por iso nestes casos combínase co sistema de depuración clásico.

En definitiva, o enxeñeiro Rey expuxo con detalle, tanto na conferencia como no amplo coloquio, os fundamentos polos que este tipo de sistema non presentan gastos enerxéticos, e tampouco producen lamas no proceso de degradación de materia orgánica; superando así dúas desvantaxes dos sistemas convencionais.

 

Riscos nas augas oceánicas



Está publicado en Climántica TV o vídeo da conferencia Riscos nas augas oceánicas. Trátase dunha conferencia relacionada co contido do capítulo 7 do libro da 3ª etapa de Climántica Auga e cambio climático, impartida polo profesor da Universidade de Santiago Urbano Fra, quen abordou os riscos como resultado da interacción das sociedades humanas e a natureza na área costeira.

O profesor Urbano caracterizou as áreas costeiras como espazos moi dinámicos nos que se conxuntan procesos naturais e antrópicos, nos que se dispón de recursos dos dous medios: oceánicos e continentais, e no que se dan procesos de transporte, pero que tamén están sometido a riscos procedentes deses dous medios.

Os primeiros riscos nos que se centrou foron os riscos sísmicos. En relación a eles, sinalou que en España as zonas sísmicas son practicamente costeiras, destacando as provincias de Granada, Málaga e Almería. Relacionou este risco co dos tsunamis, exemplificando esta relación no tsunami derivado do terremoto de 1755, con efectos sobre todo na costa oeste da Península e con unha destrución da zona do porto do Lisboa, que deu lugar a súa reconstrución co modelos urbanismo con organización racional propio de despotismo ilustrado do século XVIII. Mencionou tamén o de 1969, cuxo epicentro se situou na costa Suroeste da Península.

Pero indicou que os tsunamis no Atlántico non teñen tanto risco coma no Pacífico, e situou como o maior tsunami do Atlántico o de Escandinavia, que foi debido a corremento de sedimentos mariños debido que se acumularon na plataforma durante a erosión glaciar orixinada durante a última glaciación. Sobre esta causa de formación de tsunamis, fixo mención ao risco que se apuntou nos medios de que se poida producir un na illa de A Palma por corremento de material volcánico; o que tivo uns efectos temporais sobre o turismo. As outras dúas causas de tsunamis que apuntou foron os volcáns e os terremotos.

Aproveitou este concepto para referirse aos megatsunamis, caracterizados por ondas moi grandes, con unha altura máxima de medio quilómetro e de lonxitude máxima de un quilómetro. Exemplificou este fenómeno coa catástrofe que se produciu por este motivo na costa da zona dos Alpes de Italia, onde unha onda destas, entrou nun encoro e produciu centos do vítimas nos pobos da ribeira. Sobre a importancia destas ondas, fixo mención tamén ás consecuencias do impacto sobre a morfoloxía da costa, poñendo especial énfase no retroceso dos humedais costeiros; e das limitacións que poden supoñer os nosos asentamentos, sobre todo coa construción de diques e escolleiras, podendo estas chegar a impedir eses retrocesos.

Dixo que outro risco moi vinculado tamén aos nosos asentamentos costeiros, e que se vai a ver incrementado cos efectos do cambio climático sobre a subida do nivel do mar, son as inundacións fluviais coma as que ocorreron en Galicia no ano 2006. Fixo fincapé na relación destas inundacións fluviais cos incendios do verán de ese ano; que fixeron desaparecer a cobertura vexetal, o que facilitou o arrastre de sedimentos, que afectaría dun xeito especial aos bancos de marisqueo.

Tamén se referiu ao efecto das ondas por suma de mar de vento e mar de fondo, como os efectos sobre o paseo marítimo de A Coruña no ano 2009. Tamén se referiu á importancia dos furacáns e dos ciclóns que poden desprazarse dende latitudes tropicais e subtropicais ata latitudes medias, como foi a caso do Hortensia do ano 1984, con un importante impacto na agricultura e nas vivendas de Galicia. Sobre este tipo de fenómenos extremos, reflexionou sobre o que significa desenvolvementos urbanísticos coma o da cidade de Nova Orleans, que despois das últimas inundacións do furacán Katrina no ano 2005, pasou de 800.000 habitantes a 500.000. Sobre esta cidade, fixo mención a súa situación estratéxica tentadora para as relacións comerciais interiores e exteriores, que a converte de modelo de cidade tan desexada por localización, como imposible por riscos de inundacións.

Outro tipo de riscos asociados a zonas latitudinais concretas que mencionou foi os derivados do desxeo que se está a producir no xeo do polo Norte. Puxo exemplos de efectos de choques de xeo sobre as costas de Canadá, Península de Escandinavia e Rusia.

Mencionou tamén os riscos derivados das mareas vermellas, exemplificándoas cos tres tipos de dinoflaxelados que están a producir toxinas en Galicia. Situou o primeiro episodio de mareas vermellas en Galicia no ano 1974, identificada por efectos en Francia debido ao consumo de marisco con toxinas procedentes das nosas rías. Situou as dúas épocas de afloramento dos dinoflaxelados dende os fondos da ría, no verán polos ventos no nordés e no outono pola desaparición da termoclina de verán. Tamén se referiu ás dúas medidas para facer fronte a estas mareas vermellas: peche de polígonos cando hai mareas vermellas e vixiar constantemente os moluscos; dous xeitos de evitar o dano sobre a saúde mediante un custo económico.

 

Impactos do cambio climático no océano costeiro



Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia do investigador do Centro Oceanográfico de A Coruña, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía, Antonio Bode Riestra. O seu tema referiuse aos impactos no océano costeiro, que se aborda no capítulo 7 do libro da terceira etapa de Climántica, Auga e cambio climático.

Antonio Bode iniciou a charla caracterizando o océano a nivel global, sinalando que se trata do ecosistema máis productivo, por canto que supón o 55% da produción primaria mundial. Fixo fincapé tamén no seu papel na regulación do clima e tamén na regulación dos niveis de CO2, como o principal sumidoiro deste gas polo efecto de dúas bombas: unha biolóxica que o retira nos restos carbonatos cara os sedimentos, e unha bomba física, en forma de arrastre de auga fría que descende e o almacena no fondo do océano. Deste xeito retírase a metade de dióxido de carbono emitido á atmosfera. Nesa visión global do océano, enumerou tamén unha serie de impactos sinalados no último informe do IPCC: incremento do nivel do mar, acidificación, desxeo do polo Norte, diminución da salinidade e aumento de eventos extremos.

A continuación situou o océano costeiro como o 15% das superficie oceánica no que se localiza máis do 50% da poboación. Analizou as razóns, moitas das cales teñen que ver cos usos e posibilidades que ofrece ese océano costeiro. Contextualizou esa análise en Galicia na que, dixo que as actividades relacionadas co océano supoñen o 70% da actividade económica e do orde do 80% do turismo. Reflexionou sobre a relación desas actividades con moitos dos impactos actuais do océano costeiro.

Na análise dos impactos, empezou polo quentamento. Destacou que este está sendo bastante acelerado nas nosas latitudes, no que está a supoñer un promedio de 0,8ºC cada 30 anos e que ao final do século pode ser de 3º C, situación que pode resultar crítica para determinadas especias.

O seguinte impacto que analizou foi a subida do nivel do mar, que relacionou co quentamento e co desxeo terrestre (glaciares). Sinalou que en Galicia está a producirse un aumento do nivel do mar de 2 cm. por década ao longo dos últimos 60 anos. Sobre este dato propuxo a reflexión do que supón que un cm. de subida do nivel do mar, poida implicar a perda de hasta un metro de lonxitude de praia. En relación a esta análise, fixo tamén mención a que este dato complícase máis co aumento que se está a observar nos temporais e no tamaño das ondas. Dixo que isto xa se estaba a ter en conta en obras públicas como se está a ter en conta no porto exterior de A Coruña.

Sobre a diminución do pH indicou que este estaba a descender 0,05 unidades/década desde 1975. Referiuse aos efectos desta variación sobre o desenvolvemento dos organismos con esqueleto carbonato, e sobre os riscos que pode chegar a supoñer sobre a resistencia de cunchas de mexillóns e ostras.

Outros dos impactos que analizou foi diminución do afloramento por diminución dos ventos do Nordeste. Estes ventos, predominantes en verán, teñen unha orientación perfecta para retirar a auga da superficie cara o interior, facilitando con esta depresión na costa, o escenso de auga fría profunda, rica en nutrientes. Dixo que estes ventos antes mantíñanse durante un período amplo, de febreiro a novembro. Na actualidade estanse a reducir, posiblemente debido ao cambio climático, e isto está a afectar a produtividade das rías.

Fixo mención a que a nivel global tamén se está a rexistrar dende o ano 1958 unha estratificación xeral debido ao quentamento da auga superficial, provocando unha diminución da produtividade primaria. Expuxo que tamén se está a constatar a diminución de diatomeas e o aumento de dinoflaxelados, algúns dos cales son os responsables das mareas vermellas. Este aumento de dinoflaxelados tamén se está a constatar nas rías, onde se observa unha renovación máis lenta pola diminución do afloramento, que coincide co aumento de días de peche dos polígonos por mareas vermellas.

Entre os impactos derivados do aumento da temperatura das augas costeiras galegas pode subliñarse a aparición de especies asociadas a augas máis quentes, entre as que xa se teñen identificado 21 especies de afinidade subtropical.

Rematou a conferencia referíndose a outros impactos nos ecosistemas oceánicos non derivados do cambio climático. Para facelo apoiouse nun mapa de impactos no océano publicado pola revista Science (2008), entre os que mencionou os vertidos, a diminución de peixes predadores por sobrepesca. Contextualizando en Galicia, fixo mención á diminución do tamaño do mexillón, a diminución da ameixa babosa polo aumento da temperatura das augas, que pon tamén en compromiso á ameixa fina, que está xa no límite de distribución. Por último fixo mención á diminución de capturas de polbo, parece ser que asociado á diminución do afloramento.

 

A contaminación das augas continentais



Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia do catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Francisco Díaz-Fierros, referida ao capítulo 7 do libro da terceira etapa de Climántica, Auga e cambio climático. Por tanto, nela abordou a contaminación das augas continentais a nivel global, a nivel europeo, a nivel de España e a nivel de Galicia.

Empezou a conferencia enmarcando a contaminación da auga a nivel histórico; facendo referencia ao cambio de concepción, no que a auga deixou de considerarse como impoluta, debido ao gran fedor de Londres en 1858, por acumulación de fecais no Támese. Esta contaminación foi consecuencia da mellora das condicións hixiénicas da poboación, que provocaron un importante aumento de fecais aos ríos. Ata entón a auga era considerada como pura, e con esa situación de contaminación do Támese, pasouse a ver como algo susceptible de contaminar por nós. Deste xeito, a contaminación orgánica e fecal apareceron como primeiras formas de contaminación. Logo xurdiu a salinización, logo, coa industrialización, a contaminación por metais pesados a acidificación, a contaminación radiactiva, e coa agricultura intensiva, a eutrofización.

Sobre a contaminación a nivel mundial, destacou os avances dos países que se adiantaron a esta preocupación como Noruega e Canadá, que practicamente solo lles quedan os retos da contaminación orgánica. Nesa visión global da contaminación, fixo mención aos problemas de contaminación das augas continentais nos países do leste, entre os que destacan os metais pesados e a salinización. En relación aos países pobres rurais, expuxo que practicamente non teñen problemas de metais pesados e de contaminación radiactiva; pero si presentan importantes problemas de contaminación orgánica e fecal. Nos estuarios hai contaminación orgánica tal, que provoca a falta de osíxeno por proliferación de algas. Nos países máis desenvolvidos, no 2007 atopouse, unha tendencia á diminución dos fosfatos. En xeral, os países más avanzados son os que teñen maior contaminación das augas continentais, pero tamén son os que máis melloran.

Fixo fincapé en que a contaminación das augas continentais pode ser puntual e difusa. A puntual afrontase con depuradoras de augas residuais no punto de saída. Sen embargo na difusa, hai moitos puntos nos que se produce a contaminación e esta sigue camiños diversos e non predicibles. A única forma para afrontala é limitar a cantidade de vertido nunha superficie. Así por exemplo, no caso do nitróxeno, non debe superarse os 170 kg/Ha en ningún sitio que poda levar auga cara os ríos. Esa limitación imponse porque por encima desa cantidade por Ha, as plantas e o solo non son capaces de reter o nitróxeno, e este lávase. Para facer fronte a este tipo de contaminación, recomendou manter a vexetación de ribeira, que defende a auga do río da contaminación difusa. Dixo que España ía retrasada na entrega da normativa, e presenta unha contaminación importante, con máis da metade dos encoros eutrofizados pola agricultura e polos residuos domésticos das lavadoras, ricas en P.

En relación á situación de Galicia, referiuse, en primeiro lugar, á situación da calidade da auga dos ríos, medida en base á súa potabilidade. Sinalou que teñen mala calidade parte do Miño, Sar, unha pequena parte do Anllóns e parte do Sil. Dixo que máis da metade dos ríos de Galicia terían unha boa calidade da auga, aplicando este criterio de potabilidade, medido soamente dende o punto de vista físico – químico; pois dende o punto de vista bacteriolóxico, a maioría dos ríos galegos non teñen auga potable. Comentou que había ríos, como o Sar, onde aparecen bioindicadores de niveis de contaminación preocupante, como poden ser determinadas malformacións en algunhas comunidades biolóxicas. Dixo tamén que máis da metade dos encoros galegos están en situación mesotrófica ou eutrófica, con algún hipereutrofizado como o dos Peares.

En relación á situación das augas subterráneas, expuxo que en Galicia había poucos acuíferos, e que ademais son de tamaño pequeno. O máis grade é o de A Limia. Dixo que se trataba dun acuífero aberto, formado por unha capa de area, que acumula a auga, e que vai dende os 20 ata os 60 m de profundidade. Por tanto esta auga non está protexida da contaminación por ningún tipo de barreira xeolóxica. Sinalou que por debaixo da area, aparece unha capa de arxila, e algúns sitios, capas de lignitos. Esta capa illa un acuífero fósil inferior. Outros acuíferos importantes están nos vales de Sarria e da Terra Chá, como grandes depresións do terciario en Galicia. O resto localizaríanse en rochas, fracturas e zonas de acumulación. En todos eles, resulta moi difícil establecer unha relación entre riscos e contaminación. Nas zonas húmidas, en xeral, a contaminación é por nitróxeno. Na Terra Chá, onde o acuífero é de bolsas de area protexida por arxila; aínda así, o 11% dos pozos analizados presentan máis de 50 mg/l de nitratos e o 23% supera os 25 mg/l .

En relación a cómo afrontar os problemas de contaminación, dixo que á contaminación puntual prodúcese onde hai concentración de poboación. Neste sentido, fixo referencia a que en Galicia, non se separan as augas pluviais das domésticas, entre o 80% e o 90% dos casos. Si se fixera, as pluviais poderían verterse directamente. Ao non facelo, teñen que pasar necesariamente por depuradora; o que aumenta a contaminación das augas, e os días de choiva, fai chegar ás depuradoras moita máis auga da que pode tratar. Sobre a contaminación difusa, dixo hai que controlar o nitróxeno de orixe orgánico gandeiro. Isto urxe facelo en zonas como Arzúa, Silleda ou Lalín, onde se está engadindo máis nitróxeno orgánico e inorgánico do que poden tomar as plantas, o que supón un impacto sobre as augas por contaminación difusa. En relación a este tipo de contaminación difusa, aludiu tamén á contaminación por praguicidas, antibióticos e hormonas, centrándose no exemplo do lindano.

Por último, sinalou que o cambio climático vai a agravar o problema, porque ao haber máis secas, haberá menos dilución. Sen embargo concluíu con unha mensaxe optimista e esperanzadora, apoiándose en países avanzados, como Noruega e Canadá, que dende que diagnosticaron ben os problemas da contaminación das súas augas continentais, tomaron medidas que se están mostrando eficaces para resolvelos. Por iso comentou que esperaba que a situación actual de contaminación fora un máximo, con tendencia a diminuír progresivamente nos próximos anos.
 

Novo curso sobre as dimensións transversais ambientais das Ciencias da Terra



Aproveitando a oportunidade que supón a visita a Galicia do vulcanólogo fundador da AEPECT e colaborador habitual do proxecto Climántica, Francisco Anguita Virella, propúxoselle o deseño, preparación e impartición deste novo curso. Para facelo, pedíuselle que desenvolvera unha adaptación de carácter medioambiental dos obxectivos da materia de Ciencias da Terra e Ambientais, para conseguir un enfoque transversal coa flexibilidade suficiente para inspirar contextos transversais nas materias da especialidade de Bioloxía e Xeoloxía e nas áreas de Ciencias da Natureza e de Coñecemento do Medio.

O profesor Francisco Anguita concretou o deseño en tres módulos aos que lle dedicará a cada un unha xornada de traballo:
  1. O enfoque medioambiental dos subsistemas da Terra fluída
  2. O enfoque medioambiental dos subsistemas da Terra sólida
  3. Os condicionantes xeolóxicos da biosfera, dende a orixe da vida á sociedade tecnolóxica
O curso así deseñado quedou convocado en FProfe do Servizo de Formación do Profesorado cos seguintes datos:

    Referencia: S1101071
    Centro de formación e recursos: CAFI
    Temporalización:  07/02/2012  -  09/02/2012
    Data límite de inscrición: 30/01/2012
    Lugar: CAFI
    Prazas:  35

Folleto informativo


 

Inicio do curso “Competencias básicas no proxecto Climántica”



O mércores 11 de xaneiro de 2011 celebrouse a 1ª xornada do curso Competencias básicas no proxecto Climántica. Nela desenvolvéronse dous seminarios.

No primeiro seminario, o director do proxecto Climántica, Francisco Sóñora, expuxo os diferentes recursos que o proxecto Climántica elaborou para traballar todas as competencias básicas recollidas nos currículos de Primaria e de ESO, facendo especial fincapé no videoxogo CLMNTK, de acordo coa súa guía didáctica.

No segundo seminario, o profesor de Bioloxía e Xeoloxía que coordina a aplicación do proxecto Climántica no IES Francisco Asorey de Cambados, Víctor Caamaño, expuxo a súa experiencia no desenvolvemento de competencias básicas a través dos blogues de Climántica do centro; e como estes estimularon a posta en funcionamento da revista electrónica transversal A Buxaina.

A seguinte xornada celebrarase o luns 16 de xaneiro. Na primeira parte, José Manuel Bouzán, coordinador do equipo de novas tecnoloxías do CEIP de Palmeira, e responsable da adaptación das actividades do libro Aprendemos coas escolas climánticas ao formato interactivo on-line Eduprimaria; presentará estas actividades para mostrar como permiten desenvolver competencias de tratamento de información e dixital, e de aprender a aprender.

Na segunda parte, Juan Taboada, responsable da predición operativa de MeteoGalicia, mostrará a través de posts do seu blogue temático de meteoroloxía en Climántica, como se pode desenvolver a través desa forma de comunicación da meteoroloxía a competencia básica de coñecemento do mundo físico e de aprender a aprender.

O último seminario desenvolverase o martes 24 de xaneiro. Nel, Mercedes Rodríguez Ruibal e Raquel Troitiño, exporán a súa experiencia na aplicación do proxecto Climántica no centro a través da implicación dos estudantes para comunicar o cambio climático á cidadanía mediante o deseño e desenvolvemento de prácticas de laboratorio. Deste xeito, mediante prácticas de laboratorio sinxelas, mostrarán como se pode fomentar as competencias básicas de coñecemento do medio físico, o tratamento da información, a autonomía e iniciativa persoal, social e cidadá.