Conferencia de Francisco Díaz-Fierros no I Congreso Climántica



En Climántica TV pódese ver o vídeo da comunicación de Francisco Díaz-Fierros no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático, referente aos impactos de riscos do cambio climático nos ecosistemas terrestres.

Observando as gráficas da tendencia da temperatura e precipitación dos últimos 40 anos, vemos como amosan un aumento do primeiro parámetro climático e non obstante existe unha diminución das choivas. Como consecuencia do anterior temos evidencias por exemplo na fenoloxía das prantas e os animais que constatan o cambio climático. En Galicia a temperatura ten sufrido un incremento de 1 ºC neste periodo. Respecto á precipitación non se observa a tendencia á diminución tan claramente como no resto do país. Temos que recurrir ás variacións estacionais para determinar que  na primaveira hai unha diminución das choivas, e pola contra no outono existe un aumento. Ademais outros datos que evidencian o quecemento son os relativos ás xeadas, que nos indican unha ampliación do periodo baleiro de xeadas (en 52 días). As condicións térmicas favorables para a vide, por exemplo en Ourense, tamén se ven favorecidas e polo tanto a vendima adiantouse 17 dias en Guillarei e 15 en Salcedo. As variedades de Drosophila adaptadas ao calor aumentan respecto ás menos adaptadas. Con estes datos podemos constatar que os ecosistemas terrestres están  a responder ao cambio climático.

O profesor Díaz-Fierros, propón como exemplo da  influencia do clima nos ecosistemas terrestres vexetales. A resposta na produción dun ecosistema terrestre vexetal é función dun factor térmico, dun radiativo e dun factor hídrico. Así podemos comprobar os efectos que tería na produción vexetal os cambios en algún ou en todos estes factores. No primeiro de eles segundo os modelos de predición, alertan de cambios de ata 5 ºC no sur de Galicia cara ao final de século. O factor radiativo, pola nosa latitude e temperatura, non variaría co cambio climático. Un dato relevante, respecto ao factor térmico, é que os pisos de vexetación que dende 1975 ata o 2005 teñen subido uns 100 metros, de seguir esta tendencia poderían chegar aos 250 a 300 metros a finais de século, e como consecuencia algún tipo de vexetación pode desaparecer do noso territorio. Galicia tería pequenos enclaves templados e a maioría terá un clima submediterráneo.

O factor hídrico en Galicia, dependerá da evolución da seca (seca de primavera). O problema da seca sería máis importante se esta se desprazase cara ao verán (meses de xullo e agosto). De cara ao final de século, segundo os modelos europeos, parece que as secas extremas incrementarían a súa frecuencia (1 cada 10 anos).

En resumen, a cuestión é que no futuro os ecosistemas terrestres veranse influídos maiormente polo factor térmico e en menor medida notarase os cambios no factor hídrico, sobre todo porque a seca estase a producir na primavera, ainda que os modelos preven que tamén Galicia pode verse afectada.
 

Conferencia de Manuel Campo Vidal na xornada inaugural do I Congreso Climántica



Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo da conferencia de Manuel Campo Vidal. A conferencia de inauguración do I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático correu a cargo do director das Ciencias e as Artes de Televisión quen iniciou a súa disertación chamando a atención sobre a asignatura pendente deste país, a comunicación. Nas súas palabras existe un déficit importante no xeito de expresarnos neste país a diferencia de outros estados, e isto o podemos comprobar escoitando nos medios a cidadáns, políticos, profesores, de países diferentes. Neste eido, idiomas, emprendimiento y comunicación son as grandes carencias da nosa sociedade. Quen non comunica ben, non ten a mesma capacidade de liderazgo que outro que é un bo comunicador. Aquí temos formado receptores pero non emisores. Nas escolas das catro habilidades básicas (ler, escribir, falar e escoitar) só nos están a ensinar as duas primeiras, e sobre todo non sabemos escoitar.

A comunicación do cambio climático é importante pero dende logo non é unha tarea sinxela. Destacou a importancia das redes sociales, os móbiles, etc. como medios emerxentes e que poden chegar a ser medios de comunicación de masas. O cambio climático xa está nos medios de comunicación ademais de xeito transversal, e dicir, hai medios onde xa existen espazos especializados. Tamén nas axendas políticas, o cal queda corroborado polos datos de participación e seguimento dos últimos cumios sobre o problema. Esta situación mudou debido a que en 2007 presentouse o Cuarto Informe do IPCC e a aparición do documental de Al Gore, “Unha Verdade Incómoda”. A pesar do seguimento na prensa do cambio climático a batalla que está por gañar é a da credibilidade. Esta batalla gáñase coa honestidade profesional, contrastrando as informacións, evitando excesos, escoitando á cidadanía e sobre todo investigando asuntos cercanos para facer ver que os problemas globais teñen repercusións locais.

Manuel Campo Vidal suxire que unha boa práctica para comunicar é contar e escoitar historias cercanas en relación ao cambio climático co cal se podería xerar un caudal de riqueza descriptiva, de sensacións e emocións que dificilmente poderiamos atopar nos libros de texto, escritos sobre o tema. Cita textualmente ao xornalista da Axencia EFE, Arturo Larena, galardoado co Premio Nacional de Periodismo Ambiental no 2005: “contemos historias con noticias, reportaxes, crónicas, con vídeo, con fotografías, ou con soporte multimedia... Recordar que o poder contar estas historias tamén ten un coste ambiental, non vou a detallar todos os impactos, simplemente apuntarei un deles, cada xornalista ou integrante da delegación española que viaxe dende Madrid á Conferencia de Copenhague, a unha distancia de 2058 km, en clase turista, vai a xerar 363,31 kg de CO2”. Isto pode ser un punto de partida para que pequenas historias nos leven á reflexión e posterior debate. Entrenando aos alumnos a falar e escoitar ben en público conseguirase dun xeito natural, que moitas persoas estean en disposición de contar de forma concienciada os problemas ambientais que temos.

O xornalista finalizou a súa intervención con verbas de felicitacións e corroborando as palabras do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, sobre o interés amosado en outras comunidades autónomas no proxecto Climántica.
 

Resumo do I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático



Acábase de publicar en Climántica TV o vídeo que recolle a inauguración e o resumo das intervencións que tiveron lugar no Auditorio do Centro Social Caixanova no marco do I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático.
 
O sábado 7 de maio inaugurouse o I Congreso Climántica sobre Respostas Educativa ao Cambio Climático no que se inscribiron mais de 800 profesores. A representación institucional da mesa inaugural estivo constituída por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo seu titular o Conselleiro D. Agustín Hernández e polo Director Xeral de Sostibilidade e Paisaxe D. Manuel Borobio. A Consellería de Educación e Ordenación Universitario, na súa calidade de colaboradora, estivo representada polo Subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, D. José Graña, presidindo a mesa o director do proxecto D. Francisco Sóñora.

O Conselleiro destacou na súa intervención que para a Xunta de Galicia é un orgullo o proxecto Climántica por varios motivos. En primeiro lugar por traspasar fronteiras, destacando neste aspecto a recomendación para o uso docente por parte do Enviado especial das Nacións Unidas para o Cambio Climático e o papel que vai a xogar ao encargarse da sensibilización e educación no proxecto europeo Climatlantic que reunirá esforzos de gobernos rexionais de Gran Bretaña, Irlanda, Francia e Portugal e onde Climática xogará un papel destacado. En segundo lugar porque é un exemplo de colaboración exitosa entre distintas Consellerías, xa que sen o apoio da Consellería de Educación non tería sido posible; e en terceiro lugar porque é un proxecto ambicioso xa que senta as bases do futuro na loita contra o cambio climático a través de innovadoras ferramentas e cunha linguaxe adaptada aos máis novos. Antes de dar paso ao debate lembrou o apoio institucional a este proxecto e agradeceu ao auditorio a súa presenza.

O resto deste documental fai un breve resume de todas as intervencións que se desenvolveron no auditorio ao longo dos dous días que durou o congreso e cuxos vídeos coas intervencións de cada un dos poñentes iranse publicando nesta web.

 

Segunda xornada do I Congreso Climántica



A xornada do sábado inaugurouse coa mesa de mitigación e adaptación ao cambio climático, que pechou o apartado de Que aprender para dar respostas educativas ao cambio climático?, para abordar a partir desta mesa o para que, o como, o cando e o con que. Esta primeira mesa de mitigación e adaptación abriuna Antonio Salas quen expuxo os ensinos extraídos pola xenómica sobre a adaptación aos cambios de clima por parte da especie humana para extraer ensinos de cara á nosa futura adaptación ao cambio climático. A continuación o director da Axencia Enerxética de Vigo, Bernardo Parajó, destacou o transporte como o gran derrochador de enerxía e recalcou a necesidade de reducir o consumo (aforro) e mellorar o rendemento (eficiencia) para combater os efectos do cambio climático. Pechou esta mesa redonda Xabier Labanderia, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, que defendeu a necesidade de aprobar unha reforma fiscal verde para crear impostos ambientais que graven as emisións de CO2 á atmosfera e o uso de enerxías sobreexplotadas como a electricidade.
 
As experiencias de aula presentáronse en dous formatos. No primeiro, en plenario, a modo de mesa redonda presentáronse cinco dimensións prácticas do proxecto claramente diferenciadas e que se converteron en modelos que foron replicados e adaptados en numerosos centros. Nesta mesa presentouse en primeiro lugar o modelo de Estudantes monitores de Ciencia e Tecnoloxía sobre o cambio climático, para explicar á comunidade educativa, mediante experimentos, as evidencias, causas, consecuencias e solucións ao cambio climático, que se aplica desde o curso 2007-2008 en diversos centros de Galicia, e presentouse, no mes de febreiro, á rede RECESO da Consellería de Educación de Cantabria.
 
Na seguinte intervención desta mesa presentouse o proxecto interdisciplinar para ESO Climaeucambio que se vertebra sobre o eixo interdisciplinar formado polos elementos do clima para chegar ao cambio climático. Con esta proposta, sitúase aos estudantes como predictores de Meteogalicia, servizo de predición meteorolóxico de Galicia, pasando os datos obtidos nas estacións meteorolóxicas instaladas por este servizo, mediante unha aplicación informática de Meteogalicia. Na presentación deste modelo mostrouse a metodoloxía para traballar con este eixo interdisciplinar condutor todas as áreas do currículo de secundaria e as súas correspondentes competencias básicas.

A continuación presentouse o modelo de Patrullas Climánticas, un modelo para implicar aos estudantes na supervisión das prácticas de consumo enerxético do centro co obxectivo de diminuír a pegada de carbono. Finalmente presentáronse as revistas electrónicas de centros sobre a sustentabilidade desde o marco do cambio climático e o sistema de edublogs para todos os niveis educativos que articulan a blogs de máis de 130 centros de Galicia e  de 17 centros educativos da rede de centros educativos portugueses vinculados ao centro de formación do profesorado Nova Ágora de Coimbra.

O outro formato de presentación de experiencias de aula desenvolveuse ao longo das dúas primeiras horas da tarde, recollendo en catro mesas de presentacións e debate desenvolvidas en paralelo, as comunicacións seleccionadas polo comité científico. As catro temáticas seleccionadas foron: TIC para as respostas ao cambio climático, Actividades de sensibilización sobre as causas e consecuencias do cambio climático, Boas prácticas para o cambio climático e Ciencias da Terra e cambio climático.

Coa última mesa redonda Respostas educativas sobre o cambio climático, de igual título que o congreso, o congreso camiñou cara ás súas conclusións finais. Esta discorreu desde os fundamentos psicopedagógicos á práctica da aula no marco do uso das TIC para a educación sobre o cambio climático nas aulas. O primeiro relator en intervir foi José Antonio Caride, catedrático de Pedagoxía Social na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa intervención abordou a clara vinculación da Educación Ambiental e por tanto da Educación sobre o Cambio Climático cos procesos de innovación, por canto a que persegue o cambio nos valores da humanidade en relación á biosfera e ao seu ambiente cotián, a superación das barreiras disciplinares, a procura doutros modos de comportarnos e producir e polo último, na procura dos cambios de escenarios socio-políticos.

As bases da psicoloxía da aprendizaxe neste campo achegounas Ignacio Pozo, catedrático de Psicoloxía da Universidade autónoma de Madrid quen defendeu que a educación sobre respostas sobre o cambio climático ou son transversais ou non o son. Os coñecementos aquí son necesarios para producir cambios. Defendeu que os contidos e as competencias non só son compatibles senón necesariamente complementarios neste reto. Defendeu que na educación sobre o cambio climático requírese coñecementos disciplinares pero tamén competencias. O fin dos contidos disciplinares ten que ser xerar cambios nos alumnos e iso só se fai desde as competencias. Por iso este tema debe abordarse de forma transversal problemas como este, atravesando para iso tres fronteiras: en primeiro lugar entre os tipos de coñecementos e as actitudes, facéndoos interdependientes, en segundo lugar as fronteiras entre as disciplinas e en terceiro lugar as barreiras da tendencia natural do coñecemento a ser contextual, pois o coñecemento sempre é contextual, polo que hai que superar as barreiras do contexto concreto para transferilo ao global e desde aquí volver ao cotián.
 
A continuación abordouse a importancia das TIC para conseguir estes retos da innovación e a transversalidade que require este tipo de educación. Este ámbito abordouse en primeiro lugar desde da análise da situación actual do TIC nas aulas, que abordou José Manuel Bouzán, ex-asesor TIC da Consellería de Educación, enxeñeiro técnico informático e funcionario do corpo de mestres. Bouzán puxo de manifesto que a tecnoloxía na aula non ten sentido se non o fan como recurso facilitador de obxectivos e metodoloxías didácticas. Sinalou que Climántica hoxe traballa a educación sobre o cambio climático e para iso utiliza os blogs como outras moitas cousas, e xa se empeza a avanzar cara a outros campos TIC como as wikis e as redes sociais. Na xustificación deste papel das TIC nas aulas para o cambio climático, indicou que o que non tería sentido sería traballar só cos blogs no estudo do cambio climático. Finalizou a súa intervención pondo o acento en verbos moi importantes neste tipo de educación que as TIC poden contribuír a conxugar como crear, compartir, colaborar, descubrir, experimentar e investigar.

As posibilidades que pode ofrece a Web 2.0 para a conxugación destes verbos na procura de respostas educativas ao cambio climático abordounas Fernando Ojeda, profesor de Secundaria que forma parte do Grupo Transdisciplinar de Medio da Universidade de Málaga e que coordina o proxecto online Ecourban. Na súa intervención defendeu que estas posibilidades son case descoñecidas aínda e que non se utilizan na práctica educativa. Os educadores ambientais non participan de forma habitual en foros de debate ou redes que utilicen Internet para comunicarse, nin frecuentan os usos da Web 2.0. No entanto hai unha certa percepción de que os resultados dos nosos proxectos educativos pódense mellorar coa utilización as ferramentas Web 2.0, xa que resultan un bo complemento ás sesións presenciais, son atractivas e motivadoras para os estudantes, facilitan a interacción entre persoas en ámbitos espaciais moi amplos, o que xera unhas dimensións descoñecidas até agora na realidade da aula, e melloran a integración doutras disciplinas favorecendo a transversalidade. Neste sentido, sinalou que en Climántica si hai boas prácticas na utilización das ferramentas Web 2.0 para á Educación Ambiental.


 

Primeira xornada do I Congreso Climántica



Tres anos despois da súa posta en marcha, o proxecto Climántica dou un paso máis dentro do seu obxectivo de educación ambiental, organizando o I Congreso Climántica de respostas educativas ao cambio climático. Durante dous días, docentes de diversos puntos da xeografía española, debateron en Pontevedra os modelos extraídos das experiencias piloto do proxecto Climántica para a súa aplicación noutros centros. No Congreso tamén participaron expertos en diferentes temas, todos eles asociados ao cambio climático, así como especialistas en materia de comunicación, como o coñecido xornalista e presidente da Academia das Ciencias e as Artes da Televisión, Manuel Campo Vidal que inaugurou as sesións cunha conferencia sobre "Estratexias e técnicas para superar as barreiras de comunicación do cambio climático". O acto inaugural estivo encabezado polo Conselleiro de Medioambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Agustín Hernández que destacou a transversalidade do proxecto, realizado pola Consellería de Medioambiente en colaboración coa de Educación.

O debate xurdido ao longo destes dous días foi moi interesante e frutífero, os profesores son clave para a transmisión ás novas xeracións dos valores relacionados co coidado do medioambiente. O cambio climático ten unha natureza global que fai que a educación ambiental necesite dun enfoque transversal, non só entre disciplinas senón entre tipos de coñecemento.

Con ese obxectivo, acudiron a Pontevedra expertos como o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago, Francisco Díaz Fierros, o doutor en Química e investigador no Plymouth Marine Laboratory do Reino Unido, Xosé Antón Álvarez, o profesor de Xeoloxía na UCM Francisco Anguita e o presidente da Sociedade Galega de Educación Ambiental, Pablo Meira que discutiron na primeira mesa redonda sobre os impactos e riscos do cambio climático.


 

Seminario de Bernardo Parajó no curso CCMC no proxecto Climántica



Publicouse en Climántica TV o video do seminario Enerxía e Sostibilidade: pasado, presente e futuro na sociedade do cambio climático, impartido o 30 de xaneiro de 2010 por Bernardo Parajó, director da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (FAIMEVI).

O ponente comezou analisando a situación enerxética actual que nos leva a problemas ambientais como o cambio climático. A preocupación polo ambiente dou lugar a cambios e á aplicación de estratexias e normativas como a estratexia 20-20-20 que persigue a redución dun 20% nas emisión de CO2, mellorar un 20% a eficiencia enerxética e producir un 20% da enerxía mediante fontes limpas.

Plantéxansenos distintas cuestións sobre o esgotamento dos recursos fósiles, sobre como se poderá capturar e almacenar o CO2 e tamén de onde se obterá a enerxía que sen lugar a dúbida se necesitará nas próximas décadas. De tódolos xeitos parece que de seguir consumindo como o facemos tampouco as enerxías renovables poderán sustituir aos combustibles fósiles. Segundo as estimacións da axencia internacional da enerxía a demanda enerxética mundial crecerá un 45% ata 2030. Os países emerxentes crecerán un 87%.

Na gráfica da produción total de enerxía en España por fontes de enerxía en 2008, destaca que só un 7,6% procede de renovables fronte ao 48% que procedería de produtos petrolíferos. Se observamos a produción de enerxía eléctrica vemos como o porcentaxe das renovables sobe ata o 19,7%.

As alternativas enerxéticas para a redución do CO2 pasan polo aforro enerxético e uso eficiente da enerxía, uso de enerxías renovables, tecnoloxías limpas para a produción de enerxía e a protección dos bosques.

No ano 2007 o 78% das emisións de gases de efecto invernadoiro foron debidas a actividades enerxéticas polo que enerxía e cambio climático están intimamente relacionados.

Un tercio da enerxía que se extrae non chega a ser utilizada, son as perdas de transformación e é a diferenza entre enerxía primaria e a final. A intensidade enerxética é unha forma de cuantificar a efectividade das políticas de eficiencia enerxética. A ruta das enerxías de orixen fósil e moito máis longa cas das enerxías de orixen renovable sendo estas últimas moito máis eficaces. As tendencias no consumo da enerxía é a crecer nos sectores transporte e nos fogares e servizos e a manterse no sector industrial.

Se queremos reducir o consumo temos que reducir a demanda (aforro) e mellorar o rendemento (eficiencia). Algunhas medidas de aforro poden ser a utilización do transporte público, evitar as perdas de calor no fogar, aproveitamento da luz natural. Por outro lado as medidas para mellorar o rendemento das tecnoloxías utilizadas poden ser utilización de dispositivos que eviten o consumo en modo espera, fontes de luz de menor demanda eléctrica para a mesma emisión lumínica, etc.

Na segunda parte da comunicación Bernando Parajó introduciu as distintas tecnoloxías renovables como son a enerxía solar, hidraúlica, eólica... As formas constructivas como grandes superficies acristaladas ao sur, elementos de protección como illamentos, persianas etc, árbores de folla caduca, favorecen o mellor aproveitamento da enerxía procedente do Sol.

Os aproveitamentos activos da enerxía solar son a fototérmica (para produción de auga quente sanitaria, quecemento de auga de piscinas...); fotovoltaico e termoeléctrica (para producir enerxía eléctrica). O ponente proponnos a seguinte reflexión: o Sol é a única fonte de enerxía segura para os próximos 6.000 anos (recibimos do Sol 4.000 veces máis enerxía da que consumimos).

Respecto á enerxía eólica o ponente explícanos como os incentivos dinamizaron a madurez tecnolóxica, os investimentos, a investigación e mesmo o resto dos custos de produción e explotación ata o punto de que hoxe non só non necesitan subvencións senon que producen recursos económicos suficientes.

A biomasa sólida ten sentido se se están a aproveitar residuos de podas, ou de procesos industriais. O biodiésel pode empregarse ao 100% puro na práctica totalidade dos coches modernos.

A enerxía do mar comprende a das olas ou undimotriz, e a das mareas ou mareomotriz. Para aproveitar esta enerxía e convertila en electricidade, existen multitude de dispositivos como o Pelamis, e esta variedade de artiluxios é un indicador de que a tecnoloxía todavía non está madura. Países como Irlanda do Norte apuntan pola tecnoloxía de aproveitamento da enerxía das mareas.

Un dos grandes problemas da xeración da enerxía eléctrica é que non se consume directamente alí onde se produce co cal as perdas por distribución poden chegar ata o 14%. O proposito da xeración distribuída e xerar a enerxía e incorporala toda nun sistema único e xestionado de xeito centralizado moi cerca dos centros de consumo. Esto require da coordinacion do sistema e da regulación legal de todos os factores que están implicados. Existe unha necesidade de poñer en práctica as tecnoloxías de almacenamento de enerxía xa que por exemplo non sempre temos dispoñible enerxía procedente das renovables e pola contra os usuarios consumen cando o necesitan.

O verdadeiro devorador de enerxía é o sector transporte e sobre todo o uso do vehículo privado (do 39% do consumo de enerxía final no tranporte, o 50% corresponde ao coche particular). Para a redución do impacto ambiental deste sector propóñense cambios modales (planificación urbana sustentable, infraestruturas de uso restrinxido ou limitado...), medios máis eficientes (normativas máis restritivas, renovación do parque, mantemento eficaz...) e un uso máis racional dos medios (comunicación e sensibilización social, condución eficiente...).

O transporte aéreo sufrirá grandes modificacións nas próximas décadas no eido da utilización de outro tipo de combustibles e xa voaron dous Jumbos con biocombustible producido a partir dun cultivo enerxético denominado Jatropha.


 

Seminario de Francisco Díaz-Fierros dentro do curso CCMC no proxecto Climántica



O profesor da USC Francisco Díaz-Fierros abordou dentro do curso CCMC os conceptos básicos do cambio climático nos ecosistemas terrestres. En Climántica TV podemos xa ver o video deste seminario. O profesor defendeu a interdisciplinaridade e a dimensión global dos estudos sobre o cambio climático o cal pode xerar en algún momento puntual discrepancias sobre as investigacións e os resultados ainda que esto nunca podería desvirtuar un proxecto que implica tantas interrelacións.

Todo o que coñecemos sobre o cambio climático apóiase nun conxunto de métodos que en moitos casos proxéctanse cara atrás no tempo porque o estudo do pasado nos pode dar as chaves para coñecer o futuro. Así aparecen os métodos instrumentais (moi fiables ainda que tamén poden ter erros como os derivados da calibración dos instrumentos) e os métodos proxy (dendrocronoloxía, relación isotópicas, etc.). Unha vez que temos recopilados os datos provintes dos métodos anteriores os utilizamos para xerar  modelos predictivos. Os modelos deterministas son modelos globais e para discriminar dentro de territorios máis concretos póñense en marcha os modelos downscaling que descompoñen en células de menor tamaño (50x50 km) os modelos globais.

Os coñecementos sobre a dinámica da atmosfera que nos permiten poñer a funcionar estos modelos son relativamente recentes, 10 ou 20 anos. Nos anos 70 se discutía a temperatura, precipitación e a influencia do CO2. En 1990 o primeiro informe do IPCC comeza a falar xa do papel do océano como sumidoiro de CO2. No último informe AR4 do 2007, a complexidade do estudo e moito maior.

Os modelos para que nos aporten informacións fiables temos que calibralos. Unha forma e correlos cara atrás e ver como funcionan. Neste momento utilizase o promedio destes modelos para as proxecións. Aplícase o método cosmolóxico onde a medida que as hipóteses van converxendo e tendo coherencia científica nos van dando garantías do funcionamento do modelo.

Os datos parecen indicar que non son esperables grandes cambios no clima en relación coas variacións na radiación solar que son valores realmente pequenos entorno ao 5%. Os cambios nesta radiación son ben coñecidos e están relacionados coa excentricidade da orbita, a precesión e a inclinación do eixe da Terra, ademais das manchas solares.

As últimas glaciacións ocurriron fai 2,5 millóns de anos coincidindo co peche do canal de Panamá. A medida que o casquete de xeo foi medrando produciuse un aumento do albedo e polo tanto a radiación solar deixa de entrar na terra aumentando o arrefriamento. Polo análise das burbullas de aire vese que nas épocas frías hai unha diminución do CO2.

En relación coas glaciacións están os cambios climáticos abruptos que poden supoñer incrementos de 4 ou 5 graos ata diferencias de 8 graos en 40 ou 100 anos. O último hai 8000 anos que se produciu a causa do derretimento dun gran lago de desxeo situado na zona de Canadá que verqueu as súas augas ao Atlántico xerando o cambio nas correntes mariñas que afectaron á distribución da calor no globo. En Galicia este evento tense rexistrado nos análise do polen.

Nos últimos 1000 anos exiten dúas alteracións reseñables do clima, o Óptimo Medieval e A Pequena Idade de Xeo. Discútese que o Óptimo Medieval pode ser un periodo cálido que só afectou a Inglaterra, Alemania, Francia, e polo tanto non ten un carácter global.

Se comparamos os datos das gráficas de temperatura obtidas por métodos instrumentais dos dous hemisferios, vemos como son similares o que indica a globalidade do problema.

En Galicia os datos tamén indican o aumento das temperaturas. A precipitación de primavera ten unha tendencia á diminución outonos serán de máis precipitacións.

O primeiro científico que comezou a falar do efecto invernadoiro foi Tydall no 1862 quen se decatou que tanto o CO2 como o CH4 eran gases opacos aos “raios de calor”. Unha data importante é a creación en 1958 do Observatorio de Mauna Loa en Hawaii cuxos datos son a referencia mundial do incremento global de CO2.

O papel dos aerosois como arrefriadores da atmosfera quedou moi patente nos anos 50 aos 70. Estes aerosois eran debidos á contaminación na atmosfera.

O sistema climático e un sistema complexo que depende de diferentes interacións da atmósfera co océano, xeo, ecosistemas terrestres etc. O efecto sumidoiro dos ecositemas terrestres e mariños ten uns límites e pode que en algún momento pode chegar a estabilizarse ou incluso a revertir o proceso e dicir convertirse en emisores.

Temos evidencias de cambios en algunhas especies como por exemplo na vide. Nos últimos 30 anos adiántase entre 15 e 18 días a vendima sendo esta unha tendencia significativa. Outro exemplo é a chegada da anduriña que se produce 15 días antes e a partida retrásase14 días.

Todas estos efectos do cambio climático intégranse nos mapas de vulnerabilidade. Ademais reflicten a capacidade de resilencia dos paises máis afectados, e dicir, a capacidade que teñen de responder a estes problemas que dependerá da economía do pais, dos recursos humanos e do ambiente.

 

Seminario de Xosé Antón Álvarez Salgado dentro do curso CCMC no proxecto Climántica




O 23 de xaneiro o investigador do CSIC Xosé Antón Alvarez Salgado acercounos aos impactos do cambio climático nos ecosistemas mariños aportando información moi valiosa referente ao que está a ocurrir nas costas galegas. Na primeira parte da súa intervención, cuxo vídeo xa se pode ver en ClimánticaTV, centrouse en aportar as evidencias na variación no clima ao longo do tempo ademais de evidenciar a implicación antrópica no cambio climático.

Se analizamos os datos de temperatura dos primeiros 700 m de columna de auga nos océanos observamos como a partir dos anos 50 a temperatura do mar aumentou sendo a velocidade de aumento maior a partir dos anos 80. En Galicia aínda que os científicos só dispoñen de datos superficiais tense rexistrado un aumento de 0,8 ºC fronte ás Rías Baixas.

Respecto á salinidade, detectouse que nas latitudes altas diminue de xeito significativo debido á fusión dos xeos que fai que os ríos árticos descarguen máis auga doce ao océano. Outra das causas da diminución da salinidade é a desaparición dos glaciares de Groenlandia. Nas latitudes baixas debido ao quecemento cada vez evapórase máis auga e polo tanto aumenta a concentración de sales nos mares. Esto afecta ao gradente de salinidade e polo tanto á circulación termohalina.

O nivel do mar ten aumentado 1,5 cm por década, pero esto non acontece de xeito lineal senón que se asemella máis a un comportamento exponencial. Na Ría de Vigo o nivel do mar ascendeu 16 cm nos últimos 60 anos. Esto pode inducirnos a reflexionar sobre o risco ao que nos expoñemos se non temos en conta a subida do nivel do mar cando se proxectan as infraestruturas portuarias pois estas serán máis vulnerables a distintos episodios drásticos (por exemplo tormentas, oleaxe, etc.) onde a altura dos diques pode verse superarada en poucos anos.

Os cambios de temperatura tamén ten implicacións sobre a actividade biolóxica do mar. Podemos seguir o efecto cascada iniciado co aumento de temperatura deste xeito: océanos máis quentes, menos chegada de augas frías á superficie, menos produción (temperatura- nutrientes-clorofila-produción-pesca). Constatouse un cambio nos últimos 15 anos na distribución da produción dos océanos. O afloramento en Galicia está en relación coa intensidade dos ventos que soplan do norte e a aceleración de Coriolis que despraza cara ao océano as capas superficiais da auga permitindo o ascenso de augas frías subsuperficiais cargadas de nutrintes. En certas zonas como son as de Perú e Chile ou Suráfrica o maior quentamento da terra en relación ao océano provoca un maior gradente de presión entre as células de alta e baixa presión por onde discurren os ventos e como resultado final os ventos intensifícanse favorecendo a produción biolóxica. Non obstante en Africa do Norte e Iberia o fenómeno vese complicado porque os centros de presión desplázanse. Así os datos obtidos reflicten que a extensión do periodo onde domiñan os ventos do norte tense reducido, ademáis a intensidade do afloramento reduciuse un 45% nos últimos 40 anos.

O tempo de renovación das rías tense duplicado nos últimos anos o cal calquer verquido na ría se antes precisaba de 7 ou 8 días para limparse agora precisa 19. Ademáis a auga na ría circula máis lentamente estratifícase máis e polo tanto as especies formadoras de mareas vermellas (dinoflaxelados) vense favorecidas. Polo tanto os polígonos de bateas estarán máis tempo pechadas coas consecuentes perdas económicas.

Respecto ao impacto sobre os recursos explotables, o científico fixo fincapé na relación entre o vento e a calidade e a velocidade de crecemento do mexilón. A concentración de CO2 antropoxénico nas costas galegas tense duplicado dende 1975. Esta acidificación das augas tamén ten repercusión na calcificación das especies. Ademáis deixou constancia da maior frecuencia de aparición de peixes de augas máis quentes nas nosas costas debido ao aumento da temperatura das augas.