Publicado March 18, 2010 11:49 en
Climántica |
0 comentarios
Climántica acaba de abrir a páxina web do I Congreso para o profesorado sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático en http://congreso.climantica.org que contén toda a información relativa ao congreso que se desenvolverá de acordo con este programa. A través da páxina web xa se pode efectuar á preinscrición. O profesorado que pertence a centros sostidos con fondos públicos de Galicia, se quere a certificación de 12 horas de formación por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria á que ten dereito, debe facer a inscrición a través da aplicación de fprofe desa Consellería. Os demais docentes serán considerados como inscritos a través desta plataforma, segundo rigoroso orden de preinscrición ata o inscrito número 100 dos que non recibiron praza en fprofe.
As 700 prazas restantes ata completar o aforo do auditorio, quedan reservadas para profesores que se inscriban a través de fprofe. Aos docentes deste colectivo que se preinscriban a través da páxina web do congreso, indicando que no seu momento farán a preinscrición a través da aplicación fprofe, enviaráselles un correo electrónico desde climantica@climantica.org para informalos da apertura do prazo de inscrición na plataforma de fprofe. Recoméndase a este colectivo de docentes de centros sostidos con fondos públicos que se inscriban a través de fprofe, que se preinscriban tamén a través da páxina do congreso, porque non sendo obrigatorio nin necesario facelo, permitiralle á organización dispor dos datos de contacto para mantelos puntualmente informados das novidades do congreso.
Se unha vez rematado o prazo de inscrición a través de fprofe, e as posibles ampliacións de prazo que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poida considerar oportunas, quedaran vacantes das 700 reservadas, estas pasarán, por estrito orde de preinscrición, aos colectivos docentes preinscritos nesta web que non teñan acceso a través á plataforma de fprofe. A certificación da asistencia dos non inscritos a través de fprofe será emitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Os asistentes que ademais desexen propoñerse como comunicadores de experiencias poderán facelo enviando os resumos das comunicacións que propoñen a través da páxina do congreso. Comunicaranse aquelas con previo envío e aceptación dos resumos enviados a través deste sitio web. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria solo certificará aquelas das que se encargue un único poñente e que se ateñan ás seguintes especificacións:
De seleccionarse presentacións orais cuxa duración proposta sexa inferior a este marco temporal, ou que sexa desenvolta por máis dun autor/a comunicador/a, a certificación da presentación correrá a cargo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Descargar programa en pdf.
Publicado March 08, 2010 11:44 en
Climántica |
0 comentarios
Actualización: Video da presentación.
O sábado 6 de marzo Climántica puxo en marcha dous novos cursos: Competencias básicas en Climántica e Técnicas de climantica.org para a comunicación do cambio climático. As sesións presenciais dos dous cursos están a desenvolverse en paralelo os días 6 e 13 de marzo, 10, 17 e 24 de abril na Facultade de Físicas. O curso de competencias está pensado para os profesores de Primaria, ESO e Pedagoxía terapéutica que queren abordar dun xeito práctico as competencias básicas no marco do proxecto dende os modelos Aprendemos coas escolas climánticas e Climaeucambio.
O de Técnicas para a comunicación do cambio climático esixe a elaboración dunha revista do centro educativo para comunicar a sostibilidade dende o marco do cambio climático. Por iso nas bases de selección do profesorado asistente, déuselle prioridade á participación previa no proxecto, polo que dos 69 inscritos, os 30 seleccionados son docentes implicados previamente en actividades do proxecto.
Publicado March 02, 2010 11:38 en
Climántica |
0 comentarios
O proxecto Climántica foi invitado pola Universidade de Alicante a desenvolver un seminario sobre o proxecto e un obradoiro multimedia sobre cambio climático para profesorado de ensino secundario e universidade. O seminario desenvolveuse o venres 26 de setembro no Salón de Graos Alfredo Orts da Facultade de Ciencias de 17 a 19 horas, ao que asistiron 60 profesores de Alicante e Valencia da rede docente da Asociación Española de Enseñanza de las Ciencias de la Tierra liderada en Alicante polo profesor do Departamento de Ciencias de la Tierra, o xeólogo Pedro Alfaro.
O obradoiro multimedia de cambio climático celebrouse o sábado 27 de febreiro de 10 a 13 horas, no aulario nº 1 da mesma facultade, dirixido a 20 profesores de Alicante e Valencia da asociación de profesores Curie, liderada polo profesor de Física Aplicada Albert Gras. Estas dúas actividades de Climántica foron propostas como preparatorias dunhas xornadas do proxecto que se está previsto que se celebren en setembro deste ano na nesta mesma Universidade, e que se organizarán en base a 4 obradoiros e 2 seminarios. Este reto que Climántica acepta e agradece, foi proposto polos profesores organizadores destas actividades, Pedro Alfaro e Albert Gras.
Publicado February 24, 2010 11:26 en
Climántica |
0 comentarios
Actualización: Vídeo do seminario.
O proxecto Climántica foi invitado a formar parte da organización e desenvolvemento da Jornada de Educación para la Sostenibilidad 2009-10. Esta colaboración concretouse o luns 22 de febreiro de 2010 mediante a conferencia inaugural da xornada titulada El cambio climático en el sistema educativo impartida polo director do proxecto Francisco Sóñora Luna, quen tamén dirixiu o obradoiro de Taller multimedia sobre el cambio climático. A oferta de obradoiros das xornadas completouse con Prácticas de laboratorio sobre cambio climático impartido polas profesoras colaboradoras de Climántica, Mercedes Rodríguez Ruibal e Raquel Troitiño Barros. A esta xornada dun crédito de duración asistiron 60 coordinadores dos Programas de Educación para la Sostenibilidad da rede RECESO. Climántica quere agradecer a esta rede educativa amiga e á Consejería de Educación de Cantabria esta oportunidade para compartir e retroalimentar experiencias e iniciativas.
Publicado February 19, 2010 11:15 en
Climántica |
0 comentarios
Recollendo suxestións da rede docente de profesores que desenvolven a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo dende Climántica, ven de convocarse un curso en base a obradoiros, coa finalidade de practicar as metodoloxías e técnicas de comunicación TIC do proxecto, para obter a formación que permita a elaboración dunha revista electrónica do centro educativo para a comunicación da sustentabilidade e do cambio climático no marco do proxecto. Aínda que se lle da prioridade á participación no proxecto para asignar as prazas, se quedan vacantes, aplicaranse os criterios xerais do Plan de Formación do Profesorado. O programa queda recollido neste tríptico e a inscrición faise a través da aplicación fprofe de http://www.edu.xunta.es/web/teachers, seleccionando como Área: Temas transversais e como CFR: Servizos centrais.
Publicado February 13, 2010 11:07 en
Climántica |
0 comentarios
O día 6 de marzo empezará o novo curso Competencias básicas en Climántica, do que xa se pode descargar o tríptico co programa, axenda e condición de inscrición. Este curso está especialmente centrado nas competencias básicas TIC e aprender a aprender e está inspirado no modelo de Aprendemos coas escolas Climánticas cuxa posta en común desenvolveuse o 6 de xuño de 2009. Diríxese preferentemente a 3º ciclo de Educación Primaria e 1º de ESO, e por tanto con aplicación práctica tamén en Pedagoxía terapéutica.