Conferencia de Ignacio Pozo no I Congreso Climántica



Xa se pode visualizar en Climántica TV o vídeo da conferencia de Ignacio Pozo no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático. O profesor da Facultade de Psicoloxía da Universidade Autónoma de Madrid abordou o tema da transversalidade na educación do século XXI.

O ponente sinalou para comezar seu discurso que cando nos plantexamos as solucións ao cambio climático, ademais das evidentes relacionadas coas tecnoloxías, economicas, sociais e políticas tamén temos que ter en conta os cambios na psicoloxía das persoas. Lograr os cambios psicolóxicos necesarios para formar cidadáns conscientes das dimensións do problema do cambio climático co coñecemento relevante e necesario para seren capaces de tomar decisións congruentes cos problemas ambientais dos que tratamos, é realmente difícil. Para o conferenciante o problema do cambio climático é complexo xa que algúns dos cambios que temos que lograr é que coñecemento e acción sexan congruentes. Sabemos que un rasgo cognitivo das persoas é que somos pouco congruentes: sabemos moitas cousas que non facemos, e facemos moitas cousas contrarias ao que sabemos.

Un dos camiños para cambiar as condutas é mediante a presión social, un sistema de premios e penalizacións, pero isto só produce cambios a curto prazo. En canto desaparece esa presión social os cambios acadados dilúense. Se non conseguimos que o coñecemento adquirido polos alumnos, provoque un cambio nas súas accións, no xeito de comportarse, non estaremos logrando os obxectivos que pretendemos acadar. Existe pois o grande reto de como facer coherente unha educación esencialmente adicada a adquirir coñecemento con una educación que xenere prácticas sociales. Existe unha paradoxa pois precisamos unha educación transversal pero por outro lado a educación ten que estar anclada necesariamente no coñecemento disciplinar. En opinión de Ignacio Pozo unha educación dirixida a formar persoas, é unha educación dirigida non a trasmitir coñecementos das materias, senón a convertir esos coñecementos no medio para lograr cambios nos alumnos. Debemos entender que a relación entre competencias e contidos non é de oposición senon que debe ser de apoio necesario. Non ten ningún sentido ensinar contidos como un fin en si mesmo. O fin é usar ese coñecemento para afrontar problemas, situacións, preguntas...

Como conclusión final, Ignacio Pozo propón que o único abordaxe ao aprendizaxe é partir do local, do cercano e inmediato, físico ou mental, e reconstruilo a través dun coñecemento máis global, e voltar ao cercano. Se non conseguimos que o coñecemento que están adquirindo os alumnos no ámbito da educación ambiental, teña unha conexión directa coa súa vida cotiá, dificilmente conseguiremos as metas que pretendemos.
 

Conferencia de José Antonio Caride no I Congreso Climántica



Climántica TV publica o vídeo da conferencia de José Antonio Caride no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático. O profesor da Facultade de Ciencias de Educación da USC abreu a mesa redonda de respostas educativas ao cambio climático aportando a súa visión da educación ambiental nas perspectivas da innovación.

José Antonio Caride comeza a súa conferencia facendose eco das palabras das profesoras Sauvé, Orellana e Sato en 2002: A educación ambiental parte dunha longa traxectoria histórica, a través da cal foi adquirindo unha tripla pertenza: social, ambiental e educativa. Na Educación Ambiental xorden diversas correntes de pensamento e de prácticas determinadas polas raíces ideolóxicas e éticas dos diversos protagonistas, e polas diferentes representacións da educación, do medio ambiente e do desenvolvemento que eles adoitan.

A EA se constrúe tamén como unha opción política. Obviamente nela conflúen diversos modos de entender, de pensar e de facer, como corresponde a esta denominación. En Galicia temos contribuido significativamente a esta construción da Educación Ambiental. A Universidade de Santiago de Compostela no ano 1980 era a primeira universidade española e unha das primeiras europeas en incorporar unha materia de EA nos seus plans de estudos. O Instituto de Ciencias da Educación creaba un taller interdisciplinar convocando a diversas persoas de ámbitos distintos de coñecemento. A Estratexia Galega de Educación Ambiental foi o primeiro documento deste tipo aparecido nas comunidades autónomas do estado. Galicia ten convocado algún dos encontros, dos foros, congresos ou seminarios máis interesantes dos que se teñen celebrado en España e mesmo de carácter internacional no eido da Educación Ambiental.

O que leva implícito o concepto de Educación Ambiental é unha idea de cambio, de transformación, o que debemos ainda procurar é facer máis ainda do que está feito. A EA aglutina un amplo repertorio de prácticas socio-educativas que teñen como finalidade dar unha resposta pedagóxica á crise ambiental, promovendo un cambio de mirada respecto dos modos de estar e ser no mundo. De ser así existen catro aspectos que debemos ter en conta se queremos promover procesos de cambio, de innovación. O primeiro é o cambio de valores que orientan as relacións Humanidade-Biosfera e dos seres humanos entre sí. Un segundo cambio nos situa no mundo dos saberes de coñecer, de representar e interpretar as realidades socio-ambientais coas implicacións que isto comporta para os procesos de ensino-aprendizaxe. Tamén debe ser un cambio na esfera do comportamento, nos hábitos e capacidades da poboación reorientando os estilos de vida e os procesos de desenvolvemento. Por último aludiríamos a un cambio no escenario socio-político alentando procesos congruentes co alcance da crise ambiental e chegar a mobilizar á participación da cidadanía dun xeito máis crítico.

Polo tanto a Educación Ambiental debería ser unha proposta alternativa nos modos de educar e educarse na sociedade do terceiro milenio. Que sexa creadora e impulsora de novos enfoques e estratexia no diálogo educación-sociedade-ambiente; xeradora de iniciativas cívicas e de responsabilidades compartidas, e en definitiva, posibilitadora dunha nova ética ecolóxica e biocéntrica. A EA debe concretarse en plans, programas, estratexias e iniciativas que supoñan actuacións que se desenvolvan en moi diferentes contextos sociais.

O profesor Caride remata coas palabras do poeta do Caurel Uxío Novoneyra homenaxeado este ano 2010 nas Letras Galegas: “Prós que saben que ti podes ser outra cousa/prós que saben que o home pode ser outra cousa/sabemos que ti podes ser outra cousa/sabemos que o home pode ser outra cousa”. En definitiva, sabemos que outro desenvolvemento e que outro mundo tamén é posible.
 

Conferencia de Xabier Labandeira no I Congreso Climántica



O vídeo da conferencia de Xavier Labandeira no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático pode verse en Climántica TV. O profesor da Universidade de Vigo e membro do IPCC Xavier Labandeira falou ao longo da súa intervención sobre investigacións económicas sobre mitigación e adaptación ao cambio climático.

O conferenciante comezou facendo un esbozo da economía ambiental e os seus obxectivos. A partir da valoración dos impactos o que se pretende é aplicar políticas de cambio climático correctoras. O cambio climático nos fai uns desafíos máis grandes que calquer outro problema ambiental, pois os impactos son inmensos, as políticas teñen que ser máis intensas e ademais teñen que actuar sobre unha sociedade totalmente estruturada nunha economía baseada no consumo e claramente produtora de CO2 .  As incertidumes referentes ao cambio climático provoca que moita xente opine que non se debería prestar tanta atención ao problema. A incertidume non pode levar a facer menos, senon que debe ser ó contrario, debe levar a facer máis. A política climática debe dirixirse ao aseguramento. Desde a economía temos que ter en conta que aínda que debemos reducir as emisións, o cambio climático xa está aquí e que polo tanto temos que adaptarnos aínda que isto ten un custo, pero ao mellor é máis barato adaptarse que mitigar.

Copenhague tenta ser unha resposta ao fin do Protocolo de Kioto no ano 2012. Os puntos positivos de Copenhague, ainda que non acadou un acordo internacional con compromisos claros, son que consigue reunir a países non só europeos como en Kioto que persiguen responsabilidades comúns, ademais de acadar un acordo que non só se basa na mitigación. De todolos xeitos, mentras os EEUU non sexan capaces de asinar un protocolo non haberá posibilidade de solucionar o problema.

Xavier Labandeira aboga polos sistemas de negociación a pequena escala e di que probablemente sexa máis efectivo tentar poñer de acordo aos 8 países de maiores emisións, que facer reunións multitudinarias como a de Copenhague con máis de 200 países. Sen dúbida estas afirmacións poden constituir un bo punto de partida para a discusión.

As políticas climáticas teñen moitas vantaxes para a UE, pois atacan directamente ao consumo de combustibles fósiles. A UE tiña a posibilidade de aumentar ata o 30% na redución das emisión de CO2 ata o 2020, ainda que non o fixo.

O prezo do CO2 e un instrumento necesario para as políticas do cambio climático. Son as maneiras máis baratas de conseguir o resultado e fomentar as novas tecnoloxías, ainda que non son as únicas solucións: sistemas directos de promoción de renovables, normas de planificación urbanas, educación ambiental...O economista sinala que é o momento de aplicar una reforma fiscal verde, gravando as emisións de CO2 , e usar isto para reducir outros impostos que gravan o positivo.

As preferencias da xente respecto ás políticas de cambio climático, resultado das enquisas, indican que para a poboación o cambio climático é un problema grave, pero que non se sinten a nivel individual chamados a facer nada, que é un problema que han de resolver os políticos e as grandes empresas. A conclusión de Xavier Labandeira é que existe un problema serio de coñecemento e de educación, pois todos nós temos moito que facer no ámbito do aforro e a eficiencia enerxética.
 

Conferencia de Bernardo Parajó no I Congreso Climántica



O vídeo da conferencia de Bernardo Parajó no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático pode verse en Climántica TV. O director xerente da Axencia de Enerxía de Vigo centrou a súa conferencia nas investigacións no ámbito da enerxía para a mitigación e adaptación ao cambio climático.

Bernardo Parajó iniciou a súa ponencia introducíndonos á ciencia do cambio climático e recordando que as actividades humanas xeneran ao redor de 7 xigatoneladas de CO2 cada ano á atmosfera. Utiliza unha analoxía para amosarnos o que unha viaxe de ida e volta en avión entre Madrid e Londres correspondería coa emisión de unha tonelada de CO2 por persoa. Pero tamén, unha tonelada de CO2 é a emisión media anual dunha persoa dun país como Mozambique. É por tanto o consumo de combustibles fósiles o que produce as maiores emisións de CO2 á atmosfera. Para paliar isto, Europa ten aprobada unha estratexia denominada 20-20-20 (reducir un 20% a emisión de CO2, mellorar un 20% a eficiencia enerxética e producir un 20% da enerxía mediante fontes de enerxías renovables ademais de incorporar un 10% de combustible de orixe renovable no transporte) e todo isto para o ano 2020. Como se pretende reducir o consumo temos que reducir a demanda (aforro) e mellorar o rendemento (eficiencia). Hai que recordar que aforrar as persoas e son eficientes as máquinas e os dispositivos. A forma de fomentar o aforro é con medidas de carácter educativo (non consumir o que non é necesario) e a forma de incentivar a eficiencia e mediante opcións de carácter tecnolóxico. A estratexia completa podería ir encamiñada a non consumir si non é imprescindible, para o que sexa imprescindible, empregar os sistemas máis eficientes e recurrir ás fontes de enerxía máis respetuosas co medio.

As enerxías renovables non son inocuas pero producen emisións moito menores (6 gr de CO2 por KwH producido) que derivadas do consumo dos recursos non renovables. O obxetivo prioritario é por tanto o uso racional dos recursos.

O Sol é a única fonte de enerxía segura para os vindeiros 6.000 anos. As formas de utilización desta enerxía agrúpanse en dous tipos: aproveitamento pasivo (arquitectura bioclimática) e o activo (produción de auga quente sanitaria, etc.). As outras fontes de enerxias renovables son a hidraulica, eólica, biomasa (sólida, líquida ou gasosa). Respecto á undimotriz e mareomotriz, Bernardo Parajó nos indica que hai moitas esperanzas postas nestas enerxías, non obstante, actualmente todavía queda por resolver o problema tecnolóxico para dar cun dispositivo que permita extraer o máximo recurso enerxético do mar dun xeito ambientalmente viable. A xeotermia pode ser de alta ou baixa temperatura mediante bombas de calor xeotérmica.

A maior parte da enerxía consúmese no transporte e despois na industria e no fogar. Nos edificios as novas tecnoloxías construtivas van a copiar a arquitectura tradicional para o aforro enerxético. Os sistemas de calefacción de distrito será unha opción a ter en conta nos vindeiros anos e consiste nun sistema de xeración centralizada de calor para uso residencial e comercial (auga quente sanitaria, calefacción...). O transporte aéreo tamén está adoptando medidas e plantexándose retos de futuro para diminuir as emisións de dióxido de carbono.

Para finalizar a conferencia Bernardo Parajó conclue con unha sentencia que pode ser utilizada como base para discusión na aula: “a tecnoloxía resolve a maior parte dos problemas que crea”, pero hai unha parte moi importante nas que se incluen os residuos nucleares que non teñen solución tecnolóxica hoxe en día.
 

Conferencia de Antonio Salas no I Congreso Climántica



En Climántica TV pódese ver o vídeo da conferencia de Antonio Salas no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático. O profesor e investigador da USC Antonio Salas fixo un avance sobre o estado da investigación en xenómica relacionada coa adaptación aos cambios de clima. As dúas formas máis importantes nas que o clima pode interactuar co xenoma humano é a través da resposta adaptativa e tamén mediante os movementos demográficos pois nestas migracións tamén se move o ADN.

Existe unha correlación entre as características físicas dos grupos humanos, como a reflectancia da pel, e as variables climáticas como a temperatura, latitude. Observando como son os fenotipos das poboacións humanas, xa nos podemos dar conta de que existe un proceso adaptativo detrás. A cor da pel é un fenómeno adaptativo á radiación ultravioleta e é converxente (as poboacións do sur de Arxentina e de África subsahariana comparten unha cor de pel que é unha adaptación aos raios UV).

Coñécense moitas adaptacións do xenoma humano ao estrés polo frío e a calor. Hai moitos xenes relacionados con esta adaptación. De todolos xeitos as poboacións humanas non estamos perfectamente adaptadas a calquera cambio. Certas adaptacións precisan do paso de centos de xeneracións.

O clima obriga ao movemento das poboacións. Hai episodios de migracións das poboacións que foron resposta aos cambios no clima e que reformulan a variación xenética en determinadas rexións do mundo. Existen pegadas xenéticas que reflicten moi ben estos movementos. Durante o último máximo glacial (18.000 anos atrás) as poboacións humanas refuxiáronse no norte de Italia, no refuxio Franco-Cántabro, nos Balcanes, zonas de clima máis benigno. Estos movementos humanos e a variación xenética que conlevan teñen implicación, por exemplo, na predisposición xenética a determinadas patoloxías. Hai moitos linaxes que reflicten estes eventos de expansión poboacional a partir de zonas de refuxio en Europa, coincidindo con periodos favorables no clima. Tamén no poboamento do continente americano hai uns 14 ou 15.000 anos, foi determinante o clima pois todo o continente foi poboado dende o norte atravesando o Estreito de Bering.

Antonio Salas deixounos unha serie de preguntas para o debate das que resaltamos a referente a que se o quentamento global está sendo demasiado acelerado para as posibilidades de adaptación do home e outras especies.
 

Conferencia de Pablo Meira no I Congreso Climántica



A conferencia de Pablo Meira no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático atópase editada en vídeo en Climántica TV. O profesor e investigador da USC disertou sobre as barreiras para a comunicación social dos impactos e riscos do cambio climático. Na representación social do cambio climático influen factores culturais, emocionais, distintas estratexias de comunicación, e distintos procesos sociocognitivos. Este factor social é fundamental pois vai a determinar como as persoas reaccionen ante o problema e como a sociedade vai a presionar aos sectores de toma de decisións sobre o cambio climático. O que nos di a investigación sobre a representación social do cambio cambio climático é que é todavia moi feble, que é inductiva, chea de distorsións e que ademais está todavía pouco articulada.

O profesor Pablo Meira identifica catro barreiras na representación social do cambio climático que se están identificando case que de forma universal sobretodo nas sociedades occidentais. Unha primeira barreira se deriva de que o fenómeno do cambio climático é contraintuitivo, é dicir, a inmensa maioría da poboación cree que hai cambio climático pola información que recibe, pero non dun xeito directo, e isto conduce a errores moi extendidos como por exemplo a mestura entre tempo e clima o que xenera confusión. Unha segunda problemática que se detecta ten que ver coa escala espacial e temporal da ameaza. A maior parte da poboación pensa que o cambio climático é un problema para o futuro co cal amortíguase a urxencia da toma de medidas. Ademais a poboación ten asumido o carácter global, pero é incapaz de trasladalo ao seu espazo máis cercano. Tamén hai problema para percibir espacial e temporalmente as causas. Hai moi pouco coñecemento entre o estilo de vida e as emisións de gases de efecto invernadeiro. Unha cuarta barreira é a creencia de que hai unha relación causa-efecto entre o burato da capa de ozono e o cambio climático. Non sabemos o efecto que ten esta creencia errónea pero o que sí é que nos indica ata que punto é complexo a relación entre a ciencia e a sociedade. Estamos a volcar información pensando que a sociedade coñeza e comprenda e o que estamos xenerando é un gran malentendido.

O movemento negacionista parecía que estaba case extinguido antes do cumio de Copenhague e non obstante isto non é así. O movemento negacionista ataca principalmente á percepción social do cambio climático. Estos grupos tratan de desacreditar a ciencia do cambio climático co cuestionamento de un só estudo científico. Un exemplo de isto último o temos co caso do roubo dos correos electrónicos aos científicos da Universidade de East Anglia no Reino Unido e o posterior tratamento da información por parte dos medios interesados. A porcentaxe de cidadáns que deixaron de creer que o cambio climático existía descendeu, en un só mes, un 10 %.

Pablo Meira finalizou a súa intervención abogando porque teriamos que adicar máis tempo a comunicar como se constrúe a información científica para que a sociedade entenda que tipo de información recibe e por que temos que valorar mellor unha información que outra.
 

Conferencia de Francisco Anguita no I Congreso Climántica



Climántica TV ven de publicar o vídeo da intervención de Francisco Anguita no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático. O xeólogo fixo un percorrido polos impactos do clima na historia da Terra. Recoñece que é moi difícil deslindar as interaccións e influencias entre a vida e o clima cando se estudia a evolución da biosfera no noso planeta. Ben directa ou indirectamente, clima e vida tiveron dende que existe como tal esta última unha relación de “amor-odio” (as etapas de amor serían as épocas de radiación e as de odio corresponderían ás de extinción).

Fai uns 600 m.a a fauna de Ediacara prosperou ao final da gran glaciación (Terra Blanca) de finais do Proterozoico. Posteriormente fai uns 300 m.a., na glaciación no Carbonífero e Pérmico, tamén existe unha relación nítida entre o clima e a vida. Non obstante a maior extinción acaecida no planeta (finais do Pérmico) non tivo relación coa glaciación senón coa maior actividade volcánica rexistrada (basaltos de Siberia).

No Xurásico e Cretácico, os dinosauros aproveitan un clima cálido para extenderse por toda a Terra. Nesta época unha grande actividade volcánica coincide con unha expansión da vida na Terra a diferencia do que acontecía a finais do Pérmico. Ainda non se coñecen ben as causas das variacións climáticas importantes e por tanto tampouco se recoñecen con certeza as interaccións coa biosfera.

Fai 34 millóns de anos o límite entre Eoceno e Oligoceno está en conexión aparente co establecemento da corrente circunantártica cando a Antártica sepárase definitivamente de Suramérica e Australia, e que coincide con un periodo extremadamente frío de 100.000 anos.

Entre 1,8 e 2 millóns de anos, prodúcese en África oriental una diversidade notoria de homínidos que probablemente relaciónense no tempo con un periodo onde os glaciares do hemisferio norte aumentan o seu tamaño e provocan un clima frío e seco. Houbo unha desecación importante da selva africana que se transformou en sabana e que probablemente actuou de precursor da aparición de formas homínidas distintas. Fai 1,8 millóns de anos (Plioceno) o nivel do mar baixa e prodúcese unha migración de fauna de Eurasia a Norteamérica. En Norteamérica acontece unha extinción dos grandes mamíferos cuxa causa é obxecto de discusión entre os científicos, por un lado están as causas climáticas e por outro a sobrecaza. Probablemente os dous episodios sexan causas dun mesmo efecto. E importante destacar que estas extincións están comprendidas no periodo coñecido como Dryas Xoven, entre 13000 e 11600 anos. Este periodo remata bruscamente en 3 anos, co máximo cambio climático concentrado en un ano. Eiquí Francisco Anguita nos propón reflexionar sobre o impacto na sociedade actual dun cambio climático de varios graos de diferencia térmica media en un tempo similar ao que pechou o Dryas Xoven.

No ano 1000 no Periodo Cálido Medieval (do ano 800 ao 1300) prodúcense migracións importantes como a colonización polos nórdicos de Islandia e Groenlandia favorecida polo clima benigno e máis pola maior navegabilidade do Atlántico Norte. Tamén grazas a un periodo de desecación das estepas de Mongolia, Gengis Kan invadeu Asia e parte de Europa. A colonización por parte dos micronesios da Isla de Pascua, nunha viaxe polo Pacífico de preto de 4500 km cara ao leste, pode estar relacionada coa debilitación do fenómeno de El Niño que conleva unha diminución dos ventos alisios (que sopran cara ao oeste).

A civilización Maia colapsou no ano 900 vítima dunha serie de sequías prolongadas. Atendendo a estes acontecementos xorde unha pregunta de debate referente a se pensamos que a nosa civilización tecnolóxica, en contraposición ás anteriores, estariamos a salvo das consecuencias dun cambio climático.

Para rematar a súa intervención, Francisco Anguita ponnos un exemplo de especie oportunista, a Braarudosphaera bigelowii. Este organismo que non tiña ningunha característica especial, foi un dos escasos xéneros de plancton calcáreo que sobreviviu á extinción finicretácica. A última cuestión que o científico nos deixa para o debate é que de cumprirse as peores predicións para o cambio climático, cales serían as especies oportunistas no século XXII ?.
 

Conferencia de Xosé Antón Álvarez Salgado no I Congreso Climántica



Xa se atopa dispoñible o vídeo da conferencia de Xosé Antón Álvarez Salgado no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático en Climántica TV. Na súa intervención o científico do CSIC expuxo diferentes impactos e riscos do cambio climático nos ecosistemas mariños deixando claro que os datos apuntan a que dende logo estamos ante unha situación de cambio climático con respecto a periodos anteriores, como se constata co aumento da temperatura media do aire en A Coruña (1,5 ºC en 35 anos). No mar tamén se incrementa a temperatura da auga superficial (0,8 ºC en 30 anos). A temperatura do mar ascende e tamén ascende o nivel do mesmo (16 cm nos últimos 60 anos) o que conleva ademais dos problemas ecolóxicos, aspectos socioeconómicos importantes (pensemos nas instalacións portuarias e os riscos de seguridade a medida que o nivel do mar ascende).

Respecto aos recursos mariños o cambio nos ventos afecta ao fenómeno do afloramento na primaveira-verán nas nosas costas, e polo tanto á produción das rías. Nos últimos 40 anos o periodo no que dominan os ventos do norte, tense reducido en 80 días e a intensidade media tamén se ten reducido nun 45 %. O primeiro efecto que ten esta redución é unha ralentización na dinámica de rexeneración das Rías (actualmente en 15 días cando antes tardaban 7), tamén un aumento das mareas vermellas (o dato é reflectido polo número de días que os polígonos de bateas están pechados). Isto traducido aos impactos na economía costeira é salientable. Uns datos para reflexionar son que de Galicia saen o 40 % dos mexillóns que se producen en Europa e o 20% dos mexillóns que se producen no mundo. A Ría de Arousa é o lugar do mundo onde se extrae máis proteína de orixe mariño por metro cadrado. Actualmente a productividade nas rías non está en risco, pois reciben máis nutrintes dos que son capaces de procesar, pero sí na plataforma. Non obstante de seguir a tendencia de caída na intensidade do vento, sí que entraría en risco.

Agora se están a encontrar peixes de orixe subtropical nas nosas latitudes e mesmo son especies que se comezan a pescar e comercializar, como consecuencia do quecemento das augas mariñas. Outro efecto deste quecemento é o aumento do pH das augas, a acidificación das mesmas.

As predicións do aumento do nivel do mar cara finais de século son de entre 30 cm ata os 1,20 metros por riba do actual. Cara ao  2050 o vento seguirá perdendo intensidade cos problemas asociados que conleva. A acidificación das augas irán en aumento e polo tanto cultivos como o de mexillóns se verán afectados tanto na calcificación como na menor tasa de crecemento.

Como corolario e punto de reflexión, Xosé Antón Álvarez Salgado nos recorda que o cambio climático ocorre, ocorre nos ecosistemas costeiros de Galicia e como ten repercusión ademais nos ámbitos socioeconómicos do país debemos de tomar o risco en serio e promover accións de mitigación e adaptación ao problema.