Seminario de Bernardo Parajó no curso CCMC no proxecto Climántica



Publicouse en Climántica TV o video do seminario Enerxía e Sostibilidade: pasado, presente e futuro na sociedade do cambio climático, impartido o 30 de xaneiro de 2010 por Bernardo Parajó, director da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (FAIMEVI).

O ponente comezou analisando a situación enerxética actual que nos leva a problemas ambientais como o cambio climático. A preocupación polo ambiente dou lugar a cambios e á aplicación de estratexias e normativas como a estratexia 20-20-20 que persigue a redución dun 20% nas emisión de CO2, mellorar un 20% a eficiencia enerxética e producir un 20% da enerxía mediante fontes limpas.

Plantéxansenos distintas cuestións sobre o esgotamento dos recursos fósiles, sobre como se poderá capturar e almacenar o CO2 e tamén de onde se obterá a enerxía que sen lugar a dúbida se necesitará nas próximas décadas. De tódolos xeitos parece que de seguir consumindo como o facemos tampouco as enerxías renovables poderán sustituir aos combustibles fósiles. Segundo as estimacións da axencia internacional da enerxía a demanda enerxética mundial crecerá un 45% ata 2030. Os países emerxentes crecerán un 87%.

Na gráfica da produción total de enerxía en España por fontes de enerxía en 2008, destaca que só un 7,6% procede de renovables fronte ao 48% que procedería de produtos petrolíferos. Se observamos a produción de enerxía eléctrica vemos como o porcentaxe das renovables sobe ata o 19,7%.

As alternativas enerxéticas para a redución do CO2 pasan polo aforro enerxético e uso eficiente da enerxía, uso de enerxías renovables, tecnoloxías limpas para a produción de enerxía e a protección dos bosques.

No ano 2007 o 78% das emisións de gases de efecto invernadoiro foron debidas a actividades enerxéticas polo que enerxía e cambio climático están intimamente relacionados.

Un tercio da enerxía que se extrae non chega a ser utilizada, son as perdas de transformación e é a diferenza entre enerxía primaria e a final. A intensidade enerxética é unha forma de cuantificar a efectividade das políticas de eficiencia enerxética. A ruta das enerxías de orixen fósil e moito máis longa cas das enerxías de orixen renovable sendo estas últimas moito máis eficaces. As tendencias no consumo da enerxía é a crecer nos sectores transporte e nos fogares e servizos e a manterse no sector industrial.

Se queremos reducir o consumo temos que reducir a demanda (aforro) e mellorar o rendemento (eficiencia). Algunhas medidas de aforro poden ser a utilización do transporte público, evitar as perdas de calor no fogar, aproveitamento da luz natural. Por outro lado as medidas para mellorar o rendemento das tecnoloxías utilizadas poden ser utilización de dispositivos que eviten o consumo en modo espera, fontes de luz de menor demanda eléctrica para a mesma emisión lumínica, etc.

Na segunda parte da comunicación Bernando Parajó introduciu as distintas tecnoloxías renovables como son a enerxía solar, hidraúlica, eólica... As formas constructivas como grandes superficies acristaladas ao sur, elementos de protección como illamentos, persianas etc, árbores de folla caduca, favorecen o mellor aproveitamento da enerxía procedente do Sol.

Os aproveitamentos activos da enerxía solar son a fototérmica (para produción de auga quente sanitaria, quecemento de auga de piscinas...); fotovoltaico e termoeléctrica (para producir enerxía eléctrica). O ponente proponnos a seguinte reflexión: o Sol é a única fonte de enerxía segura para os próximos 6.000 anos (recibimos do Sol 4.000 veces máis enerxía da que consumimos).

Respecto á enerxía eólica o ponente explícanos como os incentivos dinamizaron a madurez tecnolóxica, os investimentos, a investigación e mesmo o resto dos custos de produción e explotación ata o punto de que hoxe non só non necesitan subvencións senon que producen recursos económicos suficientes.

A biomasa sólida ten sentido se se están a aproveitar residuos de podas, ou de procesos industriais. O biodiésel pode empregarse ao 100% puro na práctica totalidade dos coches modernos.

A enerxía do mar comprende a das olas ou undimotriz, e a das mareas ou mareomotriz. Para aproveitar esta enerxía e convertila en electricidade, existen multitude de dispositivos como o Pelamis, e esta variedade de artiluxios é un indicador de que a tecnoloxía todavía non está madura. Países como Irlanda do Norte apuntan pola tecnoloxía de aproveitamento da enerxía das mareas.

Un dos grandes problemas da xeración da enerxía eléctrica é que non se consume directamente alí onde se produce co cal as perdas por distribución poden chegar ata o 14%. O proposito da xeración distribuída e xerar a enerxía e incorporala toda nun sistema único e xestionado de xeito centralizado moi cerca dos centros de consumo. Esto require da coordinacion do sistema e da regulación legal de todos os factores que están implicados. Existe unha necesidade de poñer en práctica as tecnoloxías de almacenamento de enerxía xa que por exemplo non sempre temos dispoñible enerxía procedente das renovables e pola contra os usuarios consumen cando o necesitan.

O verdadeiro devorador de enerxía é o sector transporte e sobre todo o uso do vehículo privado (do 39% do consumo de enerxía final no tranporte, o 50% corresponde ao coche particular). Para a redución do impacto ambiental deste sector propóñense cambios modales (planificación urbana sustentable, infraestruturas de uso restrinxido ou limitado...), medios máis eficientes (normativas máis restritivas, renovación do parque, mantemento eficaz...) e un uso máis racional dos medios (comunicación e sensibilización social, condución eficiente...).

O transporte aéreo sufrirá grandes modificacións nas próximas décadas no eido da utilización de outro tipo de combustibles e xa voaron dous Jumbos con biocombustible producido a partir dun cultivo enerxético denominado Jatropha.


 
0 comentarios nesta entrada.