Xornada informativa para a introdución de Climántica en Educación Primaria

imagen noticia

Hoxe tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia a presentación oficial da entrada do proxecto de educación ambiental Climántica en Educación Primaria. A xornada comezou cunha primeira sesión formativa dirixida a docentes, na cal explicouse, e detallado a profesores deste nivel de ensino, as características do proxecto e os seus obxectivos.

Nesta presentación participaron Agustín Agra, profesor de Bioloxía e Xeoloxía e autor da novela A Treboada de C; Luz Castro, coordinadora do grupo de traballo de elaboración do videoxogo CLMTK; Susana Vázquez, coordinadora do grupo TIC de Climántica, e Francisco Sóñora, director do proxecto Climántica. O obxectivo principal desta primeira sesión foi presentar o proxecto por primeira vez a estes mestres, a metodoloxía interdisciplinar que utiliza, así como os materiais e recursos específicos para Primaria, como a novela A Treboada de C, dentro da serie Contos Climánticos, o videoxogo de simulación e estratexia CLMNTK ou os cómics Palmira e Marcial, Odisea Medioambiental.

A segunda parte da xornada contou coa participación da Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez; a Directora Xeral de Ordenación Universitaria, María José Pérez Mariño, e o Director Xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández Suárez.

Durante a súa exposición, a Conselleira de Educación mostrou o seu apoio e respaldo ao proxecto Climántica así como a súa satisfacción por colaborar nun proxecto así coa Consellería de Medio Ambiente, recordando ao mesmo tempo a necesidade existente de estruturar a educación ambiental: Climántica é un modelo a seguir pola súa innovación metodolóxica. O reto actual é a súa introdución en Educación Primaria, pero estou convencida de que vai ter, como mínimo, o mesmo éxito que conseguiu en Secundaria.

O Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, pola súa banda, mostrou o seu agradecemento á Conselleira pola súa colaboración no proxecto e sentiuse orgulloso de sentar as bases do futuro na loita contra o cambio climático a través deste ambicioso proxecto.

 
0 comentarios nesta entrada.