Clausura do curso "Climántica na materia de CCMC, dende a sostibilidade e as TIC"

imagen noticia

O curso de posgrao de Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, dende a sostibilidade e as TIC clausurouse o pasado 7 de marzo en Cuntis, coa celebración dunha mesa redonda. Os participantes da mesma aportaron dende diversas disciplinas a súa visión sobre a problemática do cambio climático abrindo interesantes vías de debate para que os docentes as exploren co seu alumnado.

O xeólogo Francisco Anguita suxeriu botar unha ollada ao pasado climático do Planeta para poder comprender os escenarios futuros, e nos introduciu no último período da historia da Terra, o Antropoceno. Emilio Marañón mergullouse na Oceanografía e deixou moi clara a vital importancia dos océanos como sumidoiros naturais de CO2 ( a metade de todo o CO2 antropoxénico emitido á atmosfera dende a revolución industrial foi captado polos océanos). Pola súa parte Jacobo Feijóo disertou sobre o papel da agricultura no marco do cambio climático, sostendo que un dos retos futuros da mesma é a produción de forma sostible dos alimentos para unha poboación en constante crecemento. A intervención de Ángel Carracedo centrouse na xenética das poboacións humanas e no estudo da súa variación indicando que a diversidade das poboacións humanas permitiu adaptarnos a climas e lugares distintos. José Rivas fixo un percorrido polas últimas tendencias na investigación en Nanotecnoloxía e das diferentes aplicacións que pode ter nun futuro non tan lonxano en áreas como a do ambiente, recursos, enerxía ou na medicina.

 
0 comentarios nesta entrada.