Resumo da conferencia "Da enerxía primaria á final: O futuro do hidróxeno"

imagen noticia

Pode verse en Climántica TV un documental resumo da conferencia que impartiu o 14 de marzo nas xornadas correspondentes á unidade 2 de Climántica, o profesor de Enxeñería industrial da Universidade de Vigo e director da Axencia Enerxética de Vigo, Bernardo Parajó. A súa presentación está no apartado de Biblioteca.

O profesor Parajó introduciu o tema apoiándose nos conceptos de ruta enerxética, enerxía primaria e final, facendo fincapé en que cada proceso de transformación pérdese máis dun tercio. Tamén situou a problemática enerxética sobre a inestabilidade socio política que supón que uns países teñan a enerxía primaria e outros a enerxía final.

Desde este enfoque abordou a situación enerxética actual, indicando que as enerxías finais máis utilizables son a electricidade e os combustibles fósiles derivados do petróleo. Sobre o comportamento do consumo da industria, apostou por un estancamento nos niveis de consumo, como consecuencia do control de emisións e regulacións de eficiencia e aforro derivadas da xestión económica racional. Pero preveu un aumento debido ao transporte e un aumento aínda máis grande nos sectores doméstico e terciaria, sobre os que argumentou que non cabe o control económico racional e solo se pode solucionar con educación ambiental.

Nesta extrapolación da situación enerxética actual cara o futuro, referiuse tamén á superación dos niveis de consumo de petróleo aos niveis de extracción desde nos anos oitenta do século pasado, e comentou a preocupación que existe porque non dispoñamos de petróleo sobre o ano 2020. Sobre o gas natural fixo previsións semellantes. As previsións máis optimistas sobre a duración do recurso fósil foron para o carbón, pero catalogouno como o máis contaminante. Segundo esta visión de limitación e tendo en conta de que estes combustibles fósiles son os responsables de máis do 80% do actual cambio climático, concluíu a necesidade de recorrer a outras fontes de enerxía.

Respecto da opción de potenciar a enerxía nuclear fixo reflexións moi interesantes sobre os ciclos de vida, partindo do dato de que o período de vida útil dos reactores é de 40 anos, polo que concluíu que os actuais xa estaban amortizados. A continuación aportou o dato de que temos reservas de uranio para uns 20 anos, polo que os novos reactores funcionarían durante a metade da súa vida útil. Outro dato que presentou como limitación desta enerxía para facer fronte ao cambio climático é que a necesidade de novas centrais para substituír as térmicas é de 14 centrais nucleares por ano, cando o crecemento que estamos a vivir é de 3 novas por ano, cos problemas ambientais de residuos que xa teñen asociadas. Sobre a alternativa do Plutonio, con máis vida media e posibilidade de obtelo desde o uranio usado, sinalou os problemas de explosións como a de Chernóbil.

Sobre esta panorámica decantouse polas renovables, como opción máis sensata para facer fronte á cambio climático, pero fixo constar que na actualidade carecemos de desenvolvemento tecnolóxico suficiente, polo que demandou máis I+D+i para desenvolvelo. Destacou sobre todo como de máis potencial a fotovoltaica, solar térmica e eólica, mentres que a hidráulica a pesares de estar máis madura a nivel tecnolóxico, ten moi limitado o avance no contexto de cambio climático. Tamén augurou un futuro pouco prometedor para os biocombustibles, tanto a nivel de biodiésel (de especies oleaxinosas) como de biotenal (de cereais). Por último preveu un crecemento para a xeotérmica e para a maremotriz aínda que moito menor.

No marco desta liña discursiva, entrou de pleno na última parte nuclear da súa conferencia: o futuro do hidróxeno. Empezou destacando o elevado aproveitamento que pode ter a obtención de electricidade desde o hidróxeno, xa que pode permitir acadar rendementos entre o 50% e o 70%. Tamén indicou que había que ter presente que o hidróxeno é un vector, non unha fonte de enerxía, polo que o seu papel clave na sociedade do cambio climático, estará en ocupar o papel dos derivados do petróleo, converténdose así no combustible con máis previsións de futuro para substituír aos derivados do petróleo no transporte. Dixo que esta substitución pode facelo de dúas formas, en motores de combustión interna ou en pilas de combustible nas que a rección co osíxeno deixa por residuo vapor de auga. Pero tamén fixo a observación que para obtelo require de electricidade e se esta procede de combustibles fósiles ou de enerxía nuclear, non será a enerxía limpa que ambicionamos. Por iso se decantou por obtelo a partires de enerxía fotovoltaica ou eólica, advertindo que de momento obtela así de pozo a depósito é moi custoso. Sen embargo preveu que nun prazo de 15 ou 20 anos podería ser unha realidade que ocupara o oco dos actuais combustibles derivados do petróleo, e en base a este dato xustificou o feito de que todos os fabricantes de coches tiveran xa prototipos de hidróxeno.

En definitiva, unha conferencia maxistral dun experto en enerxía que nos centrou moi ben a relación da enerxía co cambio climático, situando sobre el o futuro do hidróxeno na liña de análise da enerxía primaria á final.

 
0 comentarios nesta entrada.