Resumo da conferencia "Evolución da Situación enerxética en España no marco do cambio climático"

imagen noticia

Está dispoñible en Climántica TV un documental resumo da conferencia que Ignacio de Loyola Hierro desenvolveu nas xornadas correspondentes á Unidade 2 de Climántica, “Se quentamos queimamos”. Este profesor coordina a cátedra de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Comillas e tamén imparte clases na Universidade Complutense de Madrid. Entre as dimensións non universitarias relacionadas coa conferencia, destaca as súas responsabilidades na Elaboración do Informe Anual do Observatorio da Sustentabilidade e do Informe da Situación Enerxética de España no marco do cambio climático do Ministerio de Medio Ambiente, Agricultura y Medio Marino, tema central da súa conferencia. Disponse da presentación no subapartado materiais de cursos do apartado de Biblioteca.

Empezou relacionando a enerxía co nivel de desenvolvemento, sinalando que aínda non estando a enerxía nos obxectivos para o milenio da ONU, este organismo recoñece que para que este desenvolvemento se produza é necesario un certo nivel enerxético.

Sen embargo insistiu en que isto non pode ser un argumento para xustificar o sobre consumo actual, que é o que nos levou a que o consumo enerxético de orixe fósil nos últimos 200 anos nos puxera ao borde do esgotamento. Indicou tamén que este tipo de combustibles supoñen máis do 80% do consumo enerxético actual. Destacou ademais que 1/3 da humanidade non dispón de este tipo de enerxía e ten que recorrer a queimar leña.

En relación a este abuso da enerxía dos combustibles fósiles augurou unha duración do orde de 40 anos para o petróleo, de 61 anos para o gas natural e duns 204 anos para o carbón, tendo presente a tecnoloxía que hoxe coñecemos. Pero aquí puxo o acento tamén nos cambios que están experimentando no consumo as economías emerxentes, destacando países como China que en 1983 tiña un consumo do orde do 6% e na actualidade xa supera o 20%.

Explicou que estes elevados niveis de consumo de combustible fósiles son a causa de que pasáramos dun nivel de CO2 na atmosfera de 280 ppm antes de 1800 ata os actuais niveis comprendidos entre 380-400 ppm, sobre os que o IPCC establece unha correlación directa entre aumento de emisións e aumento de temperatura. Expuso que nos próximos 100 anos, de seguir a situación actual se manteña, o IPCC prevé que se dupliquen estes niveis e iso implicará do orde de 3ºC de aumento de temperatura global que no caso de España, pode supoñer o aumento duns 7º C.

Situado así o escenario do cambio climático, abordou a situación de superación do limite de crecemento que temos establecido segundo o Protocolo de Kioto, que nos permite un crecemento anual de emisións no período 2008-20012 non superior ao 15%, cando temos superado o 50%, con tendencia progresiva en ascenso desde que asinamos o Protocolo, con unha única diminución ata o de agora no ano 2006, pero que atribuíu a unha serie de condicións atípicas favorecedoras da diminución do consumo e que coincidiron ao longo do ano: verán non moi cálido, inverno non frío e moita pluviosidade anual. Sinalou tamén que temos que ser moito máis ambiciosos no novo protocolo, pasando da redución do 5% actual global posta como obxectivo a unha redución de máis do 80%.

Tamén indicou a situación atípica de España con unha tendencia a aumentar a intensidade enerxética (consumo de enerxía/PIB) cando os países da Unión Europea están diminuíndo esa intensidade enerxética. Dixo que isto significaba que a nosa economía se sustentaba máis no formigón e estaba a potenciar o aumento por emisións difusas na mobilidade, cando noutros países do noso entorno estaban a potenciar outras modalidades de mobilidade. Destacou tamén o papel do abuso da electricidade, que segundo expresou vese favorecida polo baixo custo, o que xustificou co dato de que unha familia de 4 membros está a pagar unha media de 1,3 €/día no recibo eléctrico.

Esta situación relacionouna tamén coa nosa dependencia enerxética exterior, presentando a situación aínda máis preocupante, pois indicou que esta estaba recoñecida oficialmente nun 80% pero indicou que o dato non era real, dado que se consideraba que non tíñamos dependencia da enerxía nuclear, porque se partía do suposto de que as nosas centrais nucleares nos abastecen, pero sen embargo dixo que todo o uranio o estábamos importando de Francia, porque temos o noso esgotado. Segundo esta argumentación concluíu que a dependencia real é do 90%.

A pesares de concluír desta forma a situación non sostible do uso da enerxía, rematou a súa intervención facendo un chamamento ao optimismo por canto que preveu unha ampla capacidade de resposta sobre campos como o aforro e a eficiencia enerxética, a extensión do uso de renovables, a captura e almacenamento do CO2, a educación enerxética, o control de prezos, a posibilidade de elixir vales de consumo para determinados usos, as posibilidades do hidróxeno como vector que ocupe o lugar dos carburantes derivados do petróleo, etc.

 
0 comentarios nesta entrada.