Segunda xornada do I Congreso Climántica



A xornada do sábado inaugurouse coa mesa de mitigación e adaptación ao cambio climático, que pechou o apartado de Que aprender para dar respostas educativas ao cambio climático?, para abordar a partir desta mesa o para que, o como, o cando e o con que. Esta primeira mesa de mitigación e adaptación abriuna Antonio Salas quen expuxo os ensinos extraídos pola xenómica sobre a adaptación aos cambios de clima por parte da especie humana para extraer ensinos de cara á nosa futura adaptación ao cambio climático. A continuación o director da Axencia Enerxética de Vigo, Bernardo Parajó, destacou o transporte como o gran derrochador de enerxía e recalcou a necesidade de reducir o consumo (aforro) e mellorar o rendemento (eficiencia) para combater os efectos do cambio climático. Pechou esta mesa redonda Xabier Labanderia, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, que defendeu a necesidade de aprobar unha reforma fiscal verde para crear impostos ambientais que graven as emisións de CO2 á atmosfera e o uso de enerxías sobreexplotadas como a electricidade.
 
As experiencias de aula presentáronse en dous formatos. No primeiro, en plenario, a modo de mesa redonda presentáronse cinco dimensións prácticas do proxecto claramente diferenciadas e que se converteron en modelos que foron replicados e adaptados en numerosos centros. Nesta mesa presentouse en primeiro lugar o modelo de Estudantes monitores de Ciencia e Tecnoloxía sobre o cambio climático, para explicar á comunidade educativa, mediante experimentos, as evidencias, causas, consecuencias e solucións ao cambio climático, que se aplica desde o curso 2007-2008 en diversos centros de Galicia, e presentouse, no mes de febreiro, á rede RECESO da Consellería de Educación de Cantabria.
 
Na seguinte intervención desta mesa presentouse o proxecto interdisciplinar para ESO Climaeucambio que se vertebra sobre o eixo interdisciplinar formado polos elementos do clima para chegar ao cambio climático. Con esta proposta, sitúase aos estudantes como predictores de Meteogalicia, servizo de predición meteorolóxico de Galicia, pasando os datos obtidos nas estacións meteorolóxicas instaladas por este servizo, mediante unha aplicación informática de Meteogalicia. Na presentación deste modelo mostrouse a metodoloxía para traballar con este eixo interdisciplinar condutor todas as áreas do currículo de secundaria e as súas correspondentes competencias básicas.

A continuación presentouse o modelo de Patrullas Climánticas, un modelo para implicar aos estudantes na supervisión das prácticas de consumo enerxético do centro co obxectivo de diminuír a pegada de carbono. Finalmente presentáronse as revistas electrónicas de centros sobre a sustentabilidade desde o marco do cambio climático e o sistema de edublogs para todos os niveis educativos que articulan a blogs de máis de 130 centros de Galicia e  de 17 centros educativos da rede de centros educativos portugueses vinculados ao centro de formación do profesorado Nova Ágora de Coimbra.

O outro formato de presentación de experiencias de aula desenvolveuse ao longo das dúas primeiras horas da tarde, recollendo en catro mesas de presentacións e debate desenvolvidas en paralelo, as comunicacións seleccionadas polo comité científico. As catro temáticas seleccionadas foron: TIC para as respostas ao cambio climático, Actividades de sensibilización sobre as causas e consecuencias do cambio climático, Boas prácticas para o cambio climático e Ciencias da Terra e cambio climático.

Coa última mesa redonda Respostas educativas sobre o cambio climático, de igual título que o congreso, o congreso camiñou cara ás súas conclusións finais. Esta discorreu desde os fundamentos psicopedagógicos á práctica da aula no marco do uso das TIC para a educación sobre o cambio climático nas aulas. O primeiro relator en intervir foi José Antonio Caride, catedrático de Pedagoxía Social na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa intervención abordou a clara vinculación da Educación Ambiental e por tanto da Educación sobre o Cambio Climático cos procesos de innovación, por canto a que persegue o cambio nos valores da humanidade en relación á biosfera e ao seu ambiente cotián, a superación das barreiras disciplinares, a procura doutros modos de comportarnos e producir e polo último, na procura dos cambios de escenarios socio-políticos.

As bases da psicoloxía da aprendizaxe neste campo achegounas Ignacio Pozo, catedrático de Psicoloxía da Universidade autónoma de Madrid quen defendeu que a educación sobre respostas sobre o cambio climático ou son transversais ou non o son. Os coñecementos aquí son necesarios para producir cambios. Defendeu que os contidos e as competencias non só son compatibles senón necesariamente complementarios neste reto. Defendeu que na educación sobre o cambio climático requírese coñecementos disciplinares pero tamén competencias. O fin dos contidos disciplinares ten que ser xerar cambios nos alumnos e iso só se fai desde as competencias. Por iso este tema debe abordarse de forma transversal problemas como este, atravesando para iso tres fronteiras: en primeiro lugar entre os tipos de coñecementos e as actitudes, facéndoos interdependientes, en segundo lugar as fronteiras entre as disciplinas e en terceiro lugar as barreiras da tendencia natural do coñecemento a ser contextual, pois o coñecemento sempre é contextual, polo que hai que superar as barreiras do contexto concreto para transferilo ao global e desde aquí volver ao cotián.
 
A continuación abordouse a importancia das TIC para conseguir estes retos da innovación e a transversalidade que require este tipo de educación. Este ámbito abordouse en primeiro lugar desde da análise da situación actual do TIC nas aulas, que abordou José Manuel Bouzán, ex-asesor TIC da Consellería de Educación, enxeñeiro técnico informático e funcionario do corpo de mestres. Bouzán puxo de manifesto que a tecnoloxía na aula non ten sentido se non o fan como recurso facilitador de obxectivos e metodoloxías didácticas. Sinalou que Climántica hoxe traballa a educación sobre o cambio climático e para iso utiliza os blogs como outras moitas cousas, e xa se empeza a avanzar cara a outros campos TIC como as wikis e as redes sociais. Na xustificación deste papel das TIC nas aulas para o cambio climático, indicou que o que non tería sentido sería traballar só cos blogs no estudo do cambio climático. Finalizou a súa intervención pondo o acento en verbos moi importantes neste tipo de educación que as TIC poden contribuír a conxugar como crear, compartir, colaborar, descubrir, experimentar e investigar.

As posibilidades que pode ofrece a Web 2.0 para a conxugación destes verbos na procura de respostas educativas ao cambio climático abordounas Fernando Ojeda, profesor de Secundaria que forma parte do Grupo Transdisciplinar de Medio da Universidade de Málaga e que coordina o proxecto online Ecourban. Na súa intervención defendeu que estas posibilidades son case descoñecidas aínda e que non se utilizan na práctica educativa. Os educadores ambientais non participan de forma habitual en foros de debate ou redes que utilicen Internet para comunicarse, nin frecuentan os usos da Web 2.0. No entanto hai unha certa percepción de que os resultados dos nosos proxectos educativos pódense mellorar coa utilización as ferramentas Web 2.0, xa que resultan un bo complemento ás sesións presenciais, son atractivas e motivadoras para os estudantes, facilitan a interacción entre persoas en ámbitos espaciais moi amplos, o que xera unhas dimensións descoñecidas até agora na realidade da aula, e melloran a integración doutras disciplinas favorecendo a transversalidade. Neste sentido, sinalou que en Climántica si hai boas prácticas na utilización das ferramentas Web 2.0 para á Educación Ambiental.


 
0 comentarios nesta entrada.