Convocatoria do curso "Competencias básicas en Climántica"



Este curso deseñouse pensando en abordar proxectos interdisciplinares centrados no currículo de coñecemento do medio de Primaria e no ámbito de Ciencia-Tecnoloxía-Sociedade de ESO. Para conseguilo, estruturouse o curso nunha parte presencial e noutra a distancia, con metodoloxías diferentes, pero complementarias.

Contidos:
  • O cambio climático
  • Xestión do territorio, do urbanismo, dos recursos e da enerxía para adaptación ao cambio climático no videoxogo CLMNTK
  • Boas prácticas na alimentación
  • Hábitos de mobilidade saudable
  • Consumo responsable
  • Evidencias, causas, consecuencias e solucións do cambio climático
  • Fundamentos de meteoroloxía escolar
O prazo para a inscrición en FProfe remata o día 20 de decembro.

Folleto informativo

 

Seminario “A auga no mundo contemporáneo” cos profesores



Está publicado en Climántica TV un vídeo sobre o seminario para profesores A auga no mundo Contemporáneo, impartido por Francisco Anguita Virella. Tamén se pode descargar e ler unha recensión sobre o seu contido. O seminario está baseado no contido do novo libro de Climántica Auga e Cambio Climático. Aínda que o tema abordado foi a auga no mundo contemporáneo, iniciouno con un preámbulo relativo a aparición da auga sobre a Terra, para situala como un recurso limitado e susceptible de perderse, como ocorreu en Venus e en Marte, planetas sobre os que sostivo que deberon recibir a auga cando a Terra, e da mesmo xeito, a través do impacto de meteoritos procedentes de máis alá da liña de neve. Para sensibilizar sobre as repercusións da falta de auga sobre as civilizacións, invitou ao profesorado a recorrer a civilizacións, - Anasazi, Maya e Jemer - que non foron capaces de soportar as secas por unha mala xestión dos recursos, especialmente os forestais. Coa base desta visión retrospectiva, abordou os grandes problemas coa auga no mundo contemporáneo, como a construción de presas, o desvío e modificación de canles naturais de ríos, a explotación de acuíferos fósiles ou con uns usos que superan as recargas, o desxeo no marco do cambio climático.

 

Prácticas relativas ao seminario “Cambio climático no océano”



Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo sobre as prácticas relativas ao seminario Cambio Climático no Océano, impartido, o sábado 15 de outubro, por Antonio Bode, no marco do curso Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Estas actividades desenvolvéronse na praia de Testal de 12 a 14 horas e no criadoiro de moluscos do Freixo dende as 17 ata as 19 horas. Ás actividades do obradoiro da praia de Testal asistiron todos os docentes matriculados no curso, e ás actividades do obradoiro no criadoiro, solo foron os voluntarios.

Unha vez rematado o seminario Cambio Climático no Océano que se desenvolveu no IES Virxe do Mar de 10 a 11:45 horas, os asistentes ao curso desprazáronse á praia de Testal para participar nun obradoiro sobre as ideas forza expostas por Antonio Bode no IES Virxe de Mar.

Na aplicación práctica dos contidos do seminario, este científico do Instituto Español de Oceanografía contou coa colaboración do biólogo da Cofradía de mariscadores de Noia, Antonio Rama. Esta parte práctica iniciouna Antonio Bode. Desta forma, na praia de Testal aplicou coñecementos que expuxo antes no IES Virxe do Mar; apoiándose no coñecemento teórico – práctico do marisqueo de Antonio Rama, quen fundamentou dende o punto de vista biolóxico as tarefas de marisqueo, e da súa xestión biolóxica, entre as que destacou os mostreos.

Entre os conceptos que Antonio Bode expuxo no Instituto, e que aplicou na praia, destacaron os relativos á necesidade de ordenar o territorio na xestión do medio litoral, incluíndo o interior das rías, e incluso do océano. Para facelo centrouse nos efectos de eliminación de terreo de recheo, por parte da auga da ría, que se visualiza no acceso á praia dende a estrada que vai á lonxa. Chamou a atención dos docentes sobre a natureza de recheo do material derruído depositado sobre a praia. Sobre esa observación, fixo fincapé sobre o importante que é non facer recheos como os que se fixeron en Testal. Dixo que estes recheos se van a ver afectados de forma moi significativa pola subida do nivel do mar, cos conseguintes riscos nos casos nos que hai construcións sobre eses terreos gañados ao mar.

No relativo aos efectos que se poden derivar do cambio climático sobre os bivalvos obxecto do marisqueo nese banco en concreto, abordaron o feito de que a ameixa se poida atopar xa moi no límite da distribución, polo que lle pode estar afectando de forma significativa a subida da temperatura da auga. Tamén se fixo mención, a nivel xeral, á importancia que pode ter a alteración do sistema climático nas rías sobre os afloramentos e sobre as riadas; dous impactos claros para este tipo de bivalvos.

A continuación fíxose unha demostración das técnicas de marisqueo a pé, coordinadas polo patrón maior da Cofradía, Santiago Cruz; e na que participaron mariscadoras que explicaron as técnicas ao profesorado. Nestas tarefas de marisqueo a pé con rastro, tamén participou profesorado que coñecía a técnica, e outro que quixo experimentala por primeira vez.

Pola tarde, Antonio Rama explicou as actividades que está a dirixir no criadeiro de moluscos que ten a Cofradía no Freixo. Alí contou tamén coa colaboración de Antonio Bode, que lle fixo varias preguntas a Rama, cuxas respostas resultaron interesantes para o profesorado, porque con esas respostas, o Biólogo da Cofradía, expuxo os fundamentos científicos de diversos aspectos. Bode tamén aportou, ao longo da visita á nave, coñecementos e reflexións formuladas dende o seu ámbito da Oceanografía.

O biólogo Rama empezou o itinerario pola nave, explicando o sistema para obter fitoplancto para alimentar ás larvas e aos xuvenís de berberechos. A continuación pasou a explicar a indución do desove, coas diferenzas entre as tres especies. Para finalmente abordar os procesos a seguir para garantir un número satisfactorio de xuvenís para levar a bateas. Os asistentes observaron ao microscopio mostras de berberecho e ameixa na fase crítica na que deixan de ser larvas nadadoras, para pasar a fixarse ao substrato. Centrándose nesta etapa final dos xuvenís na nave, referiuse á elevada mortaldade nos xuvenís, previo ao momento de pasalos ás bateas. Nese senso, fixo fincapé na importancia que ten que o colector colla auga en bo estado; aínda que tamén mencionou que a renovación faise soamente nun 10% do volume dos tanques, para aproveitar ben a comida.

Antonio Rama rematou a actividade explicando os cambios que introduciu, dende a posta en marcha do criadoiro, no sistema para ter os xuvenís en bateas, facendo fincapé na mellora dos resultados. Sobre a incorporación dos individuos ás bateas, onde engordan previamente a ser sementados nos bancos; referiuse á importancia que ten que os xuvenís teñan ao menos 3 mm. Dixo que con 2 mm xa se poderían levar á batea; pero expuxo que aínda era un tamaño moi pequeno, sobre todo porque tiñan unhas cunchas moi brandas; e por iso aínda serían moi vulnerables aos depredadores.

 

Seminario “A auga no mundo contemporáneo” cos estudantes



Durante os días 27, 28, 29 e 30 de setembro desenvolveuse o seminario para estudantes A auga no mundo contemporáneo no IES Urbano Lugrís de A Coruña, no IES Virxe do Mar de Noia, no IES Otero Pedrayo de Ourense e no IES Rosalía de Castro de Santiago. Ao seminario desenvolto neste último centro, é ao que se corresponden as imaxes do vídeo resumo que se acaba de publicar en Climántica TV.

O seminario desenvolveuno o xeólogo Francisco Anguita Virella; coautor do libro Auga e cambio climático, do que se extraeu o contido do seminario, e autoridade académica no eido da Xeoloxía. Nel abordou a auga dentro e fora do Planeta, dende a súa orixe ata a situación actual; e fíxoo dende un enfoque da defensa ecolóxica do recurso; manifestando que o facía dende a paixón que sentía como xeólogo polo Planeta. Xustificou esta posición persoal vinculada á súa profesión, sobre a idea de que un xeólogo ten que defender o Planeta, porque aínda que sabe que se coñecen máis de 1.000 planetas no universo; descoñécese se hai vida noutros, e ademais, se existira en algún; non teríamos medios técnicos para chegar alí.

Expuxo a curiosidade da existencia da auga no noso Planeta, cando os coñecementos actuais sobre o orixe do sistema actual postulan a fuxida da auga volátil dos planetas próximos ao Sol. Dixo que pola orixe do sistema solar, nós deberíamos quedar excluídos desta substancia, porque a auga do sistema solar tendeu a situarse máis alá da liña de neve. Por iso deberían ter quedado sen auga Mercurio, Venus, a Terra e Marte. Sen embargo, se aínda así a auga está presente na Terra; pénsase que se debe a que chegou de máis aló da liña de neve a través de asteroides.

Tamén fixo mención a que había probas de que Venus e Marte tamén tiveron océanos; polo que nese caso, a auga tamén debería ter chegado a eles a través dos asteroides. Aproveitou este razoamento para analizar as causas que puideron facer desaparecer a auga deses antigos océanos de Venus e Marte. No caso de Venus, todo parece indicar que se perdeu por un proceso de quentamento global do Planeta. Pénsase isto porque na pouca auga que permanece alí, a proporción entre deuterio (isótopo pesado de H) e o hidróxeno normal, é moi elevada; tal e como ocorre na Terra naqueles lugares onde se dan procesos de efervescencia, como pode ser o caso dos reactores nucleares. No caso de Marte, o seu relevo invita a pensar na existencia de auga líquida superficial. As hipóteses sobre a desaparición da auga en Marte, decántanse máis por procesos derivados da baixa gravidade do Planeta nun Planeta moi frío. Por iso a auga solo a atoparemos en Marte no seu subsolo.

Sobre esta reflexión dos océanos planetarios, entrou na orixe dos océanos da Terra, situandoa aos 170 millóns de anos do orixe da Terra. Explicou a súa formación vinculada a tectónicas de Placas, que sitúa as dorsais oceánicas no centro das depresións dos fondos oceánicos. Fixo mención á importancia da aparición da vida, e as probas que a vinculan co orixe da Tectónica de Placas. Aproveitou estas reflexións para relacionar a oportunidade que supuxo a Tectónica de Placas para xerar infinidades de ambientes diferentes, co seu correspondente potencial para estimular a evolución.

Cambiando a escala de tempo na súa análise, abordou os problemas que tivemos os humanos coa auga ao longo da historia. Antes de entrar nos estudos que se teñen sobre as crises da auga, abordou os métodos que utiliza a ciencia para chegar as conclusións desas crises da auga. Entre os períodos críticos que supuxeron probablemente a desaparición das civilizacións, explicou o caso dos indios anasazi, o antigo imperio maia, ou casos coma o dos habitantes da illa de Pascua. Exemplos vinculados a procesos de deforestación masiva, crecemento importante da poboación sobre unha base agrícola débil e períodos seguidos de importantes secas. Preguntou, ao longo dos relatos da desaparición de cada civilización que puxo de exemplo; si poderíamos ter algo que aprender desas crises para o mundo contemporáneo.

Para rematar, abordou os problemas actuais coa auga como son o desxeo dos glaciares, a subida do nivel do mar, o maior risco de que se formen turbulencias na atmosfera e no océano, debido ao seu quentamento. Relacionou estes impactos coas consecuencias derivadas da emisión de gases procedentes do noso uso de combustibles fósiles, apoiándose na gráfica do aumento de emisións de gases invernadoiro dende 1850, e aplicando o modelo do efecto invernadoiro. En base a esta análise, destacou o feito de que en 2010 o Ártico foi navegable por primeira vez nun veleiro catamarán. Sobre este dato propuxo a reflexión crítica sobre o acordo ao que chegaron Noruega e Rusia para explotar o gas natural; un recurso que vai a acrecentar o problema. Sinalou o paradoxal que resulta que Noruega fundamentara o seu desexo de non entrar na Unión Europea argumentando que a lexislación europea que terían que adoptar, non era suficientemente estrita.

Sobre estas argumentacións, concluíu que na sociedade contemporánea o cambio climático está a preocupar moi pouco, porque de feito, unha vez clarificado o modelo polos científicos; séguense aumentando as emisións. Por iso concluíu que o que realmente preocupa agora é a crise; e por tanto a economía.

En definitiva, o coñecemento que nos deixa o profesor Anguita neste vídeo é moi interesante para os estudantes de Ciencias para o Mundo Contemporáneo e Ciencias da Terra e Ambientais, aos que se dirixiu nesta breve estancia en Galicia. Pero tamén é interesante para calquera estudante, e polo seu valor de comunicación no marco da ciencia – técnica e sociedade contemporánea; é un recurso útil para toda a cidadanía.

 

Convocado o curso para profesores “CCMC no proxecto Climántica”



Está aberto ata o 16 de decembro de 2010 o prazo para inscribirse neste curso na plataforma FPROFE co código X1001139, incluído no CFR Servizos centrais na área Ámbito científico:

Plataforma FPROFE  -  https://www.edu.xunta.es/fprofe/

Este curso on-line de 30 horas de duración aborda todos os contidos da materia Ciencias para o Mundo Contemporáneo (CCMC) conducidos polo cambio climático e aplicados coas TIC. Para conseguilo, o curso non solo aportará a formación necesaria, senón que cada docente que o siga, ao rematalo, quedarase con un edublogue e con unha versión do curso que conteña as actividades que máis lle interesen para que as desenvolvan os seus estudantes neste e nos sucesivos cursos académicos.

Tríptico con información do curso

 

Seminario impartido por Ángel Carracedo en "Ciencias para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica"



O catedrático e director do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela Ángel Carracedo, impartiu o seminario A xenómica e as súas ensinanzas para a sustentabilidade co cal se clausuraba o segundo curso de Ciencias para o Mundo Contemporáneo no Proxecto Climántica. En Climántica TV podemos ver o video deste seminario.

O profesor Carracedo comezou o seu seminario facendo unha revisión histórica dos fitos na investigación en xenómica dende os inicios da xenética con Mendel. Os avances na investigación no campo da xenómica acadaron unha aceleración importante a partires dos anos 70 debido á confluencia dos avances no coñecemento e na tecnoloxía. E importante explicarlles aos alumnos qué é o xenoma dun xeito que a eles lles resulte atractivo ese achegamento, e para isto, nos propón unha actividade práctica na aula e a explica paso a paso no video, ademais do símil do libro para entender o DNA. Esa revolución do coñecemento veu derivado do que se coñeceu como Proxecto Xenoma Humano, que comezou en 1990 e finalizou no 2001, no que participaban un consorcio privado e un público que chegaron da man a ter toda a información do xenoma humano.

Hoxe en día sabemos algunhas cousas do xenoma como que a cantidade total de pares de bases (3 mil millóns), que prácticamente todo o noso DNA é non codificante, o DNA lixo (non podemos dicir que non sirve para nada, de feito todo o xenoma non codificante é o motor da evolución pois é o que ten máis variabilidade. Tamén sabemos que somos das especies máis idénticas e das que temos menos diversidade interindividual. Por outro lado, non sabemos o número exacto de xenes, a función da maioría, o xeito de como interaccionan...Queda moito traballo por facer.

A xenómica na medicina xoga un papel moi importante no diagnóstico, prognóstico e tratamento das enfermidades. Estas análises xenómicas teñen connotacións importantes e a primeira delas é que as enfermidades que teñen que ver con xenes, normalmente herédanse e isto ten consecuencias como a de otorgar á análise un compoñente predictivo importante, pois moitas veces podemos prognosticar unha enfermidade antes nas persoas sans, unha vez temos detectado a doenza noutro individuo da familia. Este tipo de enfermidades xenéticas mendelianas que se heredan, son máis de 3000. Estas enfermidades que se poden considerar enfermidades raras xa que teñen unha frecuencia na poboación inferior ao 1 por mil, son non obstante importantes en conxunto. A súa identificación pode ser porque falten cromosomas, teñamos algún de máis, que falte un anaco grande de un, ou que falte un anaco pequeno. Un exemplo o temos no Síndrome de Williams, que ao paciente fáltalle un anaco pequeno do cromosoma 7 (15 ou 20 páxinas no símil do libro). Non obstante, o 90 % dos defectos que se ven ao facer análises xenéticos de enfermidades, non é nada máis que unha letra esté cambiada por outra. A retinitis pigmentosa (cegueira máis frecuente nos adultos) e a morte súbita, son das enfermidades xenéticas máis frecuentes. Ata fai pouco ambas doenzas era imposible diagnosticalas pois non dependen dun xen único senón de moitos. Agora dispoñemos de chips de DNA con todas as mutacións que se atoparon ata o de agora, no caso da morte súbita, que podense aplicar na prevención dos pacientes con risco de desenvolver a doenza.

Respecto ao cancro temos que ter en conta de que ten que ver cos xenes pero non é necesariamente unha enfermidade xenética, a maior parte dos cancros non se heredan. Na Fundación Galega de Medicina Xenómica, onde investiga o grupo do profesor Carracedo, o 50 % do traballo do grupo é sobre o cancro. A eficacia dos tratamentos que se fan en Medicina, e todavía moi limitada. Un medicamento de primeira línea terapéutica ten unha eficacia nun doente do 50 % de media, ainda que esto depende moito do grupo terapéutico (no cancro somos pouco eficaces e máis eficaces nos antidepresivos e analxésicos) pero queda un amplio porcentaxe de mellora. Este déficit na eficacia é debido a que non entendemos que hai detrás das cousas, pois clasificamos as enfermidades polos signos físicos que presentan. Se poidésemos clasificalas polas súas causas etiopatoxénicas poderiamos tratalas mellor. Y este é o grande futuro da xenómica que xa está comezando a aparecer coa investigación das variacións polimóficas SNP (Polimorfismos Nucleotídicos Simples). Están descritos máis de 11 millóns de SNPs. De todos estos SNPs só estudando 1 millón conseguimos ter información de todo o noso xenoma. As análisis estanse a facer en centros de todo o mundo, en España temos o Centro Nacional de Xenotipado, tratando de ver os xenes que están detrás do cancro, de enfermidades neurolóxicas, psiquiátricas, etc. Todos estos estudos do xenoma completo, están a revolucionar o coñecemento da Medicina. Ángel Carracedo ponnos o exemplo das súas investigacións sobre o descubrimento das bases xenéticas da esquizofrenia (que afecta ao 1% da poboación) e que publicaron na revista Nature no 2009.

Secuenciar o xenoma de James Watson tivo un custo de millón e medio de dólares e rematouse no 2007. Hoxe en día pódese facer por 5000 euros en duas semanas, e probablemente para o 2012 o seu custo só sexa de 1000 euros nos secuenciadores de nova xeneración.

O traballo en Medicina Forense experimentou un cambio radical a partires do ano 1985 cando o investigador Alec Jeffreys determinou as funcións do DNA lixo e veu que ainda que temos moitas frases que se repiten, o número de veces destas repeticións varía dun individuo a outro. Deste xeito a mediados da década dos 90 xa eramos quen de ter un perfil de DNA do tamaño da cabeza dun alfiler. Un dos traballos máis requeridos na práctica de xenómica forense son as probas de paternidade, pero un dos máis importantes é o relacionado coa criminoloxía ou nas labores de identificación.

Ademáis outros exemplos para tratar nas clases sobre as aplicacións da xenómica, son os casos de resolución de enigmas históricos grazas ao DNA mitocondrial, que se transmite por vía materna, de nais a fillos (as análises dos restos da familia Romanov, a conclusión de que o denominado “corazón de pedra” corresponde ao fillo de María Antonieta, esposa do rey Luis XVI de Francia...).

As novas técnicas xenómicas están a acelerar o coñecemento neste campo. Coñecemos que o neanderthal e o sapiens ainda que conviviron longo tempo, non se mixturaron, ou se se misturaron non chegaron a ser fértiles pois non temos DNA mitocondrial neanderthal no noso xenoma. Podemos determinar que o Homo sapiens moderno saiu da rexión dos grandes lagos en África fai uns 150000 anos; vamos entendendo como foron todas as migracións acaecidas ao longo da historia humana. O membro do mesmo grupo de investigación, Antonio Salas (do que podemos ver o video en Climántica TV da súa intervención no I Congreso Climántica de Profesores) logrou reconstruir a historia das migracións da África subsahariana, utilizando DNA de poboacións actuais.

De tódolos xeitos as investigacións en xenómica adéntranse nos temas éticos, e un exemplo o temos coa creación das bases de datos criminais feitas cos perfiles xenéticos de delincuentes, privadas en algúns casos, controladas pola policía noutros... Podemos dicir que é un caso de seguridade fronte a intimidade e liberdade, en termos de control sobre o individuo.

Ángel Carracedo conclue a súa intervención asegurando que na actualidade a ciencia é moito máis multidisciplinar do que era, hai que valorar as posibilidades de cada un, pero é certo que hai que loitar polas ilusións de cada un e que non hai ilusión que non se consiga sen traballar.

 

Conferencia de José Manuel Bouzán no I Congreso Climántica



Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo do relatorio de José Manuel Bouzán no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático. O mestre do CEIP de Palmeira e coordinador de seminarios sobre a aplicación das TICs na aula aportou a súa experiencia no eido das novas tecnoloxías dentro dos centros educativos.

José Manuel Bouzán comezou facendo un percorrido polos distintos proxectos de introdución das TICs nas aulas. Non obstante opina que os problemas dos comenzos seguen sendo os de hoxe en día: que facemos con toda esta tecnoloxía dentro da aula?. Non podemos poñer por diante á tecnoloxía se por detrás non temos metodoloxías, pedagoxías e didácticas... O que ten que predominar é o ensino e as TICs poden ser o medio. O acceso á información debería cambiar roles, como pode ser o do “profesor enciclopedia”; o uso das TICs permite que se ensine a procesar e saber buscar a información. Entre os docentes parece que existe aínda a creencia de que empregar tecnoloxía implica unha merma na calidade de aprendizaxe.

Para rematar José Manuel Bouzán enumera unha serie de infinitivos que poden ser conxugados co uso das TICs: crear, compartir, colaborar, descubrir, experimentar, investigar...
 

Conferencia de Fernando Ojeda no I Congreso Climántica



Climántica TV ven de publicar o vídeo da intervención de Fernando Ojeda no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático. O profesor de secundaria do Colexio da Presentación de Málaga e coordinador do proxecto Ecourban defendeu a importancia da web 2.0 na Educación Ambiental actual.

Para o profesor Ojeda existe unha falta de investigación na relación entre a educación ambiental e as tecnoloxías da información e comunicación, e de estudios que verifiquen a importancia dos proxectos que unen os dous ámbitos. Participou nun estudo cun grupo de traballo da Universidade de Granada, que consistiu en sondear entre os educadores ambientales a relación entre as tecnoloxías e a EA. Existe un 37 % dos educadores ambientales que utilizan as TIC na súa vida cotiá, pero cando se lles pregunta si utilizan estes recursos na súa labor profesional, a porcentaxe diminue ata o 14%. Non obstante, o 98 % contestan que as TIC son moi importantes para ambientalizar o curriculum. A contradición nestes datos é debida, segundo a mesma enquisa, a que os educadores afirman que non teñen a formación suficiente neste eido. Un dato que pon de manifesto a enquisa é que o 75 % nunca utilizou os blogs ambientales para adquirir información. Neste momento Fernando Ojeda aproveita para deixar constancia da importancia dos blogues dentro do proxecto Climántica e indica que os profesores de Climántica son pioneiros no uso desta ferramenta con fins ambientais.

Por moita tecnoloxía que apliquemos a un modelo que non funciona seguirá sen funcionar a menos que mudemos o modelo, hai que facer cousas novas. De todolos xeitos as cousas estan a cambiar, buscando novas vías, cambiando as formas de ensinar...Todos estos cambios invitan á reflexión encamiñada a mudar hábitos. Fai falla darlle a volta a Tbilisi para decir outras cousas e pasaremos de estar noutro tempo a enfrontarnos aos novos retos que nos plantexa a sociedade do século XXI.

Coa aparición da web 2.0 o usuario consumidor pasa a ser un usuario tamén produtor (“prosumidor”) de coñecemento. Coa web 2.0 o webmaster produce, recibe ademais contribucións doutra xente, e hai outros usuarios que tamén poden producir ou consumir ao mesmo tempo. Existe maior participación, máis contidos xerados polo usuario, máis intelixencia colectiva e múltiples ferramentas o que se traduce en máis recursos para o usuario.

Fernando Ojeda indícanos o camiño hacia onde deberiamos tirar, para o que é preciso plantexar formación, máis avaliación dos proxectos, fomentar criterios de calidade que sirvan para sustentar os proxectos, favorecer a participación, intentar que os materiais sexan de libre acceso. A web 2.0 ten sentido se o coñecemento e os materiais son compartidos. Hoxe en día é preciso participar para poder aprender.

Non obstante, como afirma o relator, en última instancia está moi ben o das tecnoloxías pero sempre será importante o ter algo que dicir, alguén a quen contarllo e por último saber como facelo.