Publicado Xoves 4 de Febreiro de 2010 ás 11:01 en
Climántica |
0 comentarios
Neste segundo vídeo que se pode ver en ClimánticaTV o profesor Anguita comeza por ofrecer unha visión dende a termodinámica, dos problemas medioambientales, onde como dí a Primeira lei: A enerxía é finita (polo tanto os recursos son finitos) e atendendo á Segunda Lei postula que o desorde crece coas transformacións (quedaría aquí reflectido o problema da contaminación). Ademais amósanos unha realidade importante: a relación entre economía e calidade de vida nos paises desenvolvidos: na segunda metade do século XX a economía medrou moito pero a calidade de vida pouco o fixo.
Inmersos xa no tema dos riscos xeodinámicos delimita as lagoas sísmicas do planeta e acércanos ao concepto de Magnitude do Momento Sísmico (MW) que substituiría á escala de Richter (M). Unha das fallas á que se lle presta maior atención é á de San Andrés, en California, e os expertos xa son capaces de ofrecer porcentaxes de posibilidades de terremotos no contorno da mesma. En Haicheng unha cidade china de cerca de 1 millón de habitantes, no 1975, logrouse evacuar á poboación horas antes de que fose totalmente arrasada por un seísmo (só houbo 200 victimas). Ao ano seguinte na cidade de Tangshan un terremoto produciu 700.000 victimas. No seísmo de Sichuan en 2008, onde morreron cerca de 80000 persoas, parece que a xigantesca presa construida nas inmediacións, poido ser o desencadeante do movemento. A falla saltou ata a superficie no momento en que a presa se estaba a descargar.
O risco de tsunamis no noso país parece que pode restrinxirse á zona mediterránea onde a actividade sísmica recente no norte de África e Grecia produciu perturbacións no nivel do mar nas costas da zona.
Francisco Anguita exemplariza os riscos volcánicos falándonos dos volcáns de Colombia (Nevado del Ruiz) e Filipinas (Mayón). Este último estivo moi activo durante o 2006 e a finais dese ano a cidade veuse afectada por un tifón que movilizou o material piroclástico orixinado unhas inmensas coladas de barro. Estas zonas no marco do cambio climático onde se prevé un incremento de fenómenos meterorolóxicos extremos, o risco pode multiplícarse pola suma de ambos riscos.
O profesor incide unha vez máis sobre a superposición da acción antrópica sobre o clima analizando as series de temperaturas e amosando os datos procedentes de diferentes marcadores climáticos. En Groenlandia estanse a producir cambios moi rápidos e drásticos nos glaciares que desembocan no mar onde estos retroceden varios kilómetros en un ano e posteriormente volven a recuperarse. Existe gran cautela neste tema, xa que o desxeo de Groenlandia traduciríase nunha subida de 7 metros do nivel do mar. No Ártico os tres anos máis recentes son os de menor cantidade de xeo. Respecto ao comportamento da Antártida apunta a que existen zonas onde o nivel do xeo adelgaza e noutros onde parece aumentar, o que induce a pensar que todavia non entendemos moi ben o sistema. A fusión dos glaciares do Himalaya favorece a creación de lagos que poden provocar avalanchas de barro por desbordamento dos mesmos afectando ás poboacións situadas no entorno.
Os datos dos novos informes do IPCC parecen indicar que este organismo foi demasiado conservador nas súas estimacións do 2007 sobre as consecuencias do cambio global. Ademais parece existir un certo grao de despreocupación polo problema do cambio climático como apuntan as últimas investigacións sociolóxicas sobre o tema.
Francisco Anguita remata a súa exposición facendo alusión ao tema da urxencia do problema do cambio climático así como das cuestións éticas do modelo de sociedade actual dende a visión do decrecemento, o desenvolvemento sostible e a sobrepoboación mundial. O derradeiro dilema que nos plantexa é o relacionado co tipo de refuxiado que é un habitante de Bangladesh ¿económico, climático...? Este é un bo exemplo de “algo que comeza por unha situación que ten que ver coa natureza e remata con unha decisión de carácter político...e é que todo está misturado”.
Publicado Xoves 28 de Xaneiro de 2010 ás 10:55 en
Climántica |
0 comentarios
O sábado 16 de xaneiro, o doutor en Xeoloxía Francisco Anguita e profesor titular da Universidade Complutense de Madrid, inaugurou os seminarios científicos do curso Ciencias para o mundo contemporáneo no proxecto Climántica coa ponencia Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental. Pódese ver o video da súa intervención en ClimánticaTV.
Francisco Anguita comezou a sesión disertando sobre as últimas investigacións no tocante ao tempo anterior ao Big Bang e a evolución futura do Universo basándose nas distintan hipótesis vixentes. As investigacións sobre o cosmos e a búsqueda de respostas sobre a orixe do mesmo suscitou o primeiro debate proposto na aula, que quedaba definido pola pregunta de se están xustificadas as grandes inversións en ciencia básica, onde os asistentes poideron aportar a súa visión.
No referente ás novidades na investigación sobre a formación de planetas o profesor Anguita indicou que todo parece indicar que os planetas son máis abundantes que as estrelas no Universo. Apuntou o descubrimento recente da primeira superterra oceánica. É un planeta que transita por diante da súa estrela o que permite averiguar o seu diámetro, posúe 6.6 veces a masa terrestre, conta con un núcleo probablemente sólido e presenta auga líquida na superficie. Nos vindeiros anos, o telescopio Kepler aportará información moi interesante sobre planetas con tamaño semellante ao da Terra e que orbitan ao redor doutras estrelas. Unha das metas destas investigacións vai encamiñada a atopar vida fora do noso planeta o que dou pé a formular un dilema moi aproveitable para trasladar aos alumnos e conseguir abrir un debate interesante: cambia algo se descubrimos vida fora da Terra?.
As novidades científicas sobre o Sistema Solar serían que o Sol probablemente formouse nun cúmulo globular en compañia doutras estrelas, según parece determinarse polo estudo de meteoritos con grandes cantidades de isótopos inestables formados durante a explosión dunha supernova, non obstante son demasiados para unha única supernova e a conclusión pode ser que procede dunha familia de supernovas.
Coñecemos o que sucede na Terra para formarse os oróxenos (subducción e colisión) e se observamos planetas como Venus vemos estruturas tectónicas parecidas ás da Terra. Estos rasgos son máis evidentes nos relevos de Marte comparables por exemplo ás estructuras da Cordilleira Cantábrica, Alpes, etc. Quere dicir esto que existe ou existiu tectónica de placas noutros planetas?.
Existen evidencias de cambios climáticos globales noutros corpos do sistema solar como poden ser Marte ou Venus onde poido existir un océano fai uns 4.000 millóns de anos que se evaporou. En Europa atópase o maior depósito de agua líquida no Sistema Solar polo que se pode pensar que neste satélite de Xúpiter houbo algún fluxo de enerxía que logrou fundir o xeo pero o que é unha dúbida é se esta enerxía todavía se manten.
Francisco Anguita acércanos ás posibilidades de facer habitable un planeta como Marte e que como primeiro paso tería a reconstrución da atmosfera primitiva. Unha actuación encamiñada a tal fin sería a da emisión por parte de fábricas instaladas na superficie, de gases de efecto invernadoiro como son os freóns. A emisión de inxentes cantidades destos gases tardarían uns 10.000 anos en derreter o xeo marciano e ofrecer unha primeira oportunidade para a vida vexetal (100.000 anos para os animais).
Despois dunha viaxe polo Universo chegamos á Terra e o profesor Anguita nos indica que a enerxía que todavía conserva o núcleo terrestre, despois de 4.500 millóns de anos de evolución, é considerable pois tan só o 4 % deste núcleo solidificou. Ademais fai fincapé na sincronía existente entre o remate do bombardeo meteorítico que sufreu a Terra máis ou menos aos 3.900 millóns e a aparición da vida.
Fai 100 millóns de anos produciuse, causado por un evento no interior da Terra, un máximo na temperatura da atmosfera terrestre e posteriormente o planeta comeza a enfriarse. As predicións máis pesimistas indican para o 2.100 aumentos de ata 7 ºC na temperatura media global o que nos aproximaría ao clima da época dos dinosauros.
Publicado Mércores 30 de Decembro de 2009 ás 10:39 en
Climántica |
0 comentarios
O dia 19 de decembro desenvolveuse a posta en común da fase práctica do I Curso de Climántica en Portugal, desenvolto no centro de formación do profesorado de Coimbra Nova Ágora ao longo de todos os sábados do primeiro trimestre. Neste vídeo que se acaba de publicar en Climántica TV pode verse un resumo das presentacións correspondentes á aplicación do proxecto nos centros piloto de Climántica en Portugal que xurdiron deste curso. O rigor e calidade que se observa nas presentacións dos primeiros docentes de Climántica en Portugal e a súa capacidade para adaptar o proxecto ao seu sistema educativo, abren un futuro esperanzador de Climántica en Portugal. Por iso, parabéns a este primeiro grupo de docentes de Climántica en Portugal polos resultados acadados!
Publicado Luns 16 de Novembro de 2009 ás 09:32 en
Climántica |
0 comentarios
Actualización: Ver video
O sábado 14 de novembro iniciouse o I módulo desta materia para formar, ao longo de todo o curso 2009-2010, ao profesorado da materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo co fin de impartila na súa totalidade a través dun fío condutor vertebrado sobre a sustentabilidade e o cambio climático. De novo este ano a inscrición superou as prazas dispoñibles, pois o número máximo de dúas persoas por ordenador supuxo que dos 74 preinscritos solo 50 puideron matricularse. Os docentes de lista de espera estarán como grupo prioritario no curso de «Competencias básicas: TIC e aprender a aprender», que se porá en marcha no segundo trimestre.
Baixo a fórmula «dende o Big-Bang ata estes tempos formouse a Terra e nela, a través dun longo proceso evolutivo, aparecemos nós como unha especie capaz de modificar o Planeta e de provocar riscos, como o cambio climático, aos que a investigación científica contemporánea busca solucións dende a física de partículas, a astrofísica, a nanotecnoloxía, a investigación enerxética, a bioloxía molecular e a xenómica», Climántica doulle forma a este reto educativo.
Esta primeira sesión enmarcouse na competencia TIC que se desenvolve mediante dous seminarios. O primeiro, que foi o que empezou o sábado 14 é o denominado “Sustentabilidade e cambio climático nos blogs e foros de Climántica en CCMC”, que desenvolverán ao longo das 4 primeiras xornadas do curso (14 e 28 de novembro, 12 de decembro e 9 xaneiro), correrá a cargo dos profesores de ensino secundario Susana Vázquez e Jesús M. Teira Rois. O último seminario relativo á competencia TIC impartirao o catedrático de instituto Ramón Cid Manzano, o 9 de xaneiro, no que abordará recursos TIC para traballar a física de partículas, a astrofísica, a fisión nuclear e o LHC.
Esta forte aposta polas TIC é debido a que en Climántica valorouse como motivador para os estudantes de todas as modalidades de Bacharelato darlles a oportunidade de buscar información actual de divulgación científica co obxectivo de comunicaren as súas experiencias. Por iso se pensou nuns edublogues e eduforos, especialmente deseñados para visualizar contidos multimedia diversos, que, ademais de formar parte dos hábitos vixentes de comunicación dos estudantes, supoñen unha posta ao día continua da información, ao estilo do modus operandi dos científicos da ciencia fronteira cuxos coñecementos aborda esta materia.
No deseño do curso tívose tamén presente o feito de que os contidos desta materia non se configuran na súa totalidade dentro do marco formativo inicial de ningún dos dous departamentos implicados na docencia (Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química). Por iso se contou con investigadores I+D+i de todos os ámbitos do currículo, cunha eficacia divulgativa demostrada e capaces de asumir o reto de relacionaren as súas investigacións co fío condutor proposto. Así é como chegamos a contar con este equipo de 7 formadores que destacan polas súas investigacións na ciencia fronteira recollida no currículo desta materia. A eles lles corresponderá trasladar a actualidade das súas investigacións relacionadas coa sostibilidade e o cambio climático aos profesores asistentes.
Os seminarios relativos á investigación teñen a mesma base programática que os que se desenvolveron o curso pasado, mantendo a participación do catedrático de medicina legal, director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC, doutor Ángel Carracedo, último premio Jaime I de investigación médica, quen seguirá afondando nas ensinanzas da Xenómica para a sustentabilidade. Tamén repite o profesor doutor de Xeoloxía da Universidade Complutense, Francisco Anguita, un dos principais divulgadores da xeoloxía en España nos últimos 30 anos. O profesor Anguita abordará dous seminarios neste curso «Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental» e «Riscos xeolóxicos e impactos ambientais».
Pero este curso incorporáronse novas temáticas I+D+i relacionadas coa sostibilidade e o cambio climático. Entre as novas temáticas destaca a participación do catedrático da USC e Vicepresidente do Consello da Cultura galega, o profesor doutor Francisco Díaz-Fierros, Premio Nacional de Cultura Científica de Galicia no 2008, que abordará o seminario «Conceptos básicos de cambio climático nos ecosistemas terrestres», namentres que o de conceptos básicos nos ecosistemas mariños o desenvolverá o doutor investigador do CSIC no Instituto de Investigación Mariña de Vigo, Xosé Antón Álvarez Salgado. Os puntos de vista destes dous científicos galegos que colaboraron en informes IPCC (Panel Intergobernamental para o Cambio Climático) complementaranse para aportar unha visión científica moi interesante para abordar este reto do século XXI na aula.
Outro seminario que cobra forza este ano é a Nanotecnoloxía. Del hase encargar o catedrático de Electromagnetismo da USC e director do Centro Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga, José Rivas, quen exporá a temática «Nanotecnoloxía básica para a sustentabilidade na sociedade do cambio climático».
Tamén se incorpora a dimensión enerxética mediante a participación do profesor doutor de Enxeñería eléctrica da ETS de Enxeñería Industrial de Vigo e director da Axencia enerxética de Vigo, Bernardo Parajó, co seminario «Enerxía e sustentabilidade: pasado presente e futuro».
O último seminario innovador deste curso será o impartido pola doutora investigadora en Xenética e Antropoloxía do proxecto de Atapuerca, María Martinón Torres: «O homínido emigrante: clima, barreiras e camiños», que complementará a intervención do profesor Carracedo, reforzando a dimensión evolutiva e centrándose nos aspectos antropolóxicos dende a bioloxía molecular.
A formación presencial que se iniciou este sábado, prolongarase ao longo das mañás de 7 sábados máis, e ao tempo que se vai desenvolvendo, iranse aplicando nos edublogues e eduforos de aula propostas relacionadas co contido de cada un dos seminarios. O sábado 10 de abril farase a posta en común dos traballos de aula.
Con esta formulación da asignatura, o curso pasado formouse aos profesores dos centros pilotos voluntarios para abordaren deste xeito a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Apuntáronse a esta iniciativa profesores de 27 centros públicos e 4 privados, que a día de hoxe están a desenvolver a materia dende os seus blogues de centros aos que se accede a través do blogue guía para os profesores. Algúns blogs están a ser auténticos estimuladores da divulgación e argumentación dos estudantes, como é o caso do blog do IES Francisco Asorey, que xa superou as 20.000 visitas.
Como esta materia se atopa no segundo curso de implantación e supón un reto novo na historia do sistema educativo español, este modelo estase demandando en España. Así, a Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra aprobou no mes de outubro ofrecela vía e-learning para todos os seus socios, o que lle dá a Climántica unha oportunidade extraordinaria de abrir a súa rede docente a todas as comunidades educativas do resto de autonomías.
O interese por este proxecto educativo superou as fronteiras de España e xa está implantado con éxito en 15 centros pilotos de Portugal mediante unha réplica do curso piloto do ano pasado, que se está a desenvolver dende o 10 de outubro na cidade de Coimbra co apoio institucional da Unesco e sobre o que se pode visualizar un documental da primeira xornada.
Destes 15 centros xa hai varios que destacan pola riqueza da argumentación que están a desenvolver na súa aula, o que facilita que o espírito de Climántica estea entrando con forza nestas comunidades educativas de Portugal. Tamén chegou á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe unha petición de Arxentina, procedente da Universidade de Entre Ríos, para replicar o modelo alí como xa fixo o centro de Formación do Profesorado de Coimbra Nova Ágora.
Publicado Venres 23 de Outubro de 2009 ás 14:34 en
Climántica |
0 comentarios
Este curso universitario de posgrao consta de 120 horas (12 créditos) dos cales 36 son presenciais e as 84 restantes compútanse pola investigación –acción derivada das tarefas necesarias para a incorporación de actividades nos blogues de aula relativas aos seminarios desenvoltos nos módulos presenciais e da retroalimentación da argumentación dos estudantes.
O curso estrutúrase en 10 seminarios distribuídos en 5 módulos presenciais que se desenvolverán na Facultade de Físicas no campus Sur da USC os sábados de 10 a 14 horas, con un descanso na metade da xornada. A axenda destes 10 seminarios, dos que se pode obter máis información neste documento programático e neste tríptico son:
Sostibilidade e cambio climático nos blogues e foros de Climántica para as Ciencias do Mundo Contemporáneo (CCMC). Sábados 14 e 28 de novembro e 12 de decembro de 10 a 14 horas. Concluirá o 9 de xaneiro de 10 a 11:45 horas. Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario, docentes do grupo TIC do equipo Climántica.
Aproximación contemporánea á Física de partículas: acelerador de partículas, Big-Bang, enerxía nuclear... Sábado 9 de xaneiro de 12 a 14 horas. Poñente: Ramón Cid, catedrático de instituto, licenciado en CC.Físicas e en CC. Químicas.
Do Big - Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental. Sábado 16 de xaneiro de 10 a 11:45 horas. Poñente: Dr. Francisco Anguita Virella, Profesor Titular da Universidade Complutense de Madrid.
Riscos xeolóxicos e impactos ambientais. Sábado 16 de xaneiro de 12-14 horas. Poñente: Dr. Francisco Anguita Virella, Profesor Titular da Universidade Complutense de Madrid.
Conceptos básicos de cambio climático nos ecosistemas terrestres. Sábado 23 de xaneiro de 10 a 11:45. Poñente: Dr. Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Catedrático de Edafoloxía da USC e Vicepresidente do Consello da Cultura Galega.
Conceptos básicos de cambio climático nos ecosistemas acuáticos. Sábado 23 de xaneiro de 12 a 14. Poñente: Dr. Xosé Antón Álvarez Salgado, investigador do CSIC no Instituto de Investigación Mariña de Vigo.
Nanotecnoloxía básica para a sustentabilidade na sociedade do cambio climático. Sábado 30 de xaneiro de 10 a 11:45 horas. Poñente: Dr. José Rivas Rey, catedrático de Electromagnetismo da USC e Director do Centro Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga.
Enerxía e sustentabilidade: pasado, presente e futuro na sociedade do cambio climático. Sábado 30 de xaneiro de 12 a 14 horas. Poñente: Dr. Bernardo Parajó Calvo, profesor de Enxeñería eléctrica da ETS de Enxeñería Industrial da UV e Director da Axencia Enerxética de Vigo.
A xenómica e as súas ensinanzas para a sustentabilidade. Sábado 6 de febreiro, de 10 a 11:45. Dr. Ángel Carracedo Álvarez, Catedrático de Medicina Legal, Director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC.
O homínido emigrante: clima, barreiras e camiños. Sábado 6 de febreiro de 12 a 14 horas. Dra. María Martinón Torres, investigadora en Xenética e Antropoloxía no Equipo investigador dos xacementos de Atapuerca.
Os seminarios con hipervínculos desenvolvéronse o curso pasado e os que non teñen hipervínculo son novos e foron introducidos de acordo coas suxestións que fixeron os asistentes e que quedaron recollidas no correspondente informe de avaliación.
Unha vez rematada a fase de aplicación na aula mediante a realización de actividades coa implicación dos estudantes na argumentación a través dos edublogues e dos eduforos, o sábado 10 de abril de 10 a 14 horas procederase á posta en común destas experiencias.
Os interesados poden inscribirse cubrindo o seguinte formulario que deberá enviarse ao enderezo climantica@climantica.org, indicando no asunto a cal dos catro (4) grupos de prioridade pertencen:
- Docentes que impartan a materia CCMC no curso 2009-2010.
- Docentes dos departamentos didácticos de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química e que no curso 2009-2010 non impartan a materia CCMC.
- Outros docentes relacionados co ensino das ciencias e da tecnoloxía.
- Titulados en CC. Biolóxicas, CC. Xeolóxicas, CC. Químicas e en CC. Físicas ou asimilables a efectos de docencia. Terán que presentar, coa solicitude, unha proposta de elaboración dun blogue temático que teña que ver co contido do curso.
Dado que o número máximo de prazas é de 50, estas asignaranse atendendo a unha estrita orde de chegada das solicitudes. Ao grupo 2 asignaránselle as prazas que queden vacantes unha vez inscritos os do 1, e co 3 e 4 actuarase de igual forma, pero coas que queden do 2 e do 3, respectivamente O curso é totalmente gratuíto, tanto na xestión, como na docencia, nos materiais e recursos consumidos no seu desenvolvemento e nas consumicións na cafetería durante o descanso, pero non se abonarán gastos de desprazamento nin as taxas da retirada do título, que como ocorre con todo tipo de títulos das universidades, está supeditado ás taxas universitarias, neste caso as establecidas para títulos de posgrao de especialización que son do orde de 25 €.
Publicado Domingo 11 de Outubro de 2009 ás 14:27 en
Climántica |
0 comentarios
Actualización: Carteis centros Portugal
Actualización: Ver video
Climántica desenvolveu en Coimbra o sábado 10 de outubro de 2009 a primeira das sesións formativas presenciais do curso “Educação para um Desenvolvimento Sustentável – Mudanças Climáticas e Edublogues Climántica”. Este curso é unha adaptación ao sistema educativo de Portugal do curso de Climántica para a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo do que en breve se convocará a segunda edición nesta web, coordinado polo grupo de docentes de Climántica en Portugal, liderado pola profesora da Universidade de Coimbra Arminda Pedrosa e convocado como unha das accións formativas do centro de formación continua do profesorado de Coimbra Nova Ágora, que atende a unha rede docente de 1.700 educadores. A metodoloxía do curso require un traballo práctico continuo co sistema CCMC de edublogues de Climántica, de tal xeito que en cada ordenador se sitúe un número máximo de dous docentes. As prazas convocadas foron ocupadas na súa totalidade por docentes de 15 centros educativos, que se constitúen así na primeira rede de centros piloto de Climántica en Portugal. Este curso consta de 30 horas teóricas que se desenvolverán ao longo dos sábados do primeiro trimestre, e de 30 horas prácticas que consistirán na aplicación práctica nas aulas da metodoloxía de Climántica. Ao remate da fase práctica, presentaranse estas experiencias piloto.
Nesta primeira sesión procedeuse primeiramente á distribución de material necesario para o desenvolvemento do curso. De seguido o director da Oficina de Formación Nova Ágora, fixo unha breve referencia ó documento de divulgación do curso por parte da Oficina de Formación, poñendo especial énfase en aspectos organizativos, metodolóxicos e de avaliación. A continuación tomou a palabra a coordinadora da actividade, a profesora da Universidade de Coimbra Arminda Pedrosa, aportando información relativa a recursos dispoñibles, institucións que participan e apoian a Oficina de Formación, facendo especial mención á implicación da Xunta de Galicia a través do proxecto Climántica e do apoio institucional da Comissao Nacional da UNESCO. Este acto de presentación rematou coa intervención do director de Climántica, Francisco Sóñora, que presentou o proxecto, as actividades desenvoltas no seu marco, os recursos producidos e dispoñibles para acceso libre, indicando a fonte dende o sitio web. Tamén xustificou a vocación internacional deste proxecto, e agradecendo por este motivo a oportunidade que se lle dou ao proxecto co desenvolvemento desta actividade.
Xa na aula de informática, procedeuse á organización dos grupos de traballo e a entrega de claves para acceder á comunidade de blogs na plataforma Climántica. As actividades prácticas dese día centraronse nos aspectos técnicos e prácticos para crear, xestionar e actualizar blogues en base ao uso de titoriais en portugués moi detallados e ilustrados con capturas de pantalla e que orientan paso a paso as seguintes tarefas: entrar nun blogue para xestionar, crear unha categoría, escribir un post, editar un artigo, subir, editar e borrar a conexión e, finalmente, introducir e editar imaxes.
En definitiva, unha intensa xornada de formación e un inicio digno merecedor do momento histórico que corresponde ao primeiro paso para a expansión da rede de educadores de Climántica en Portugal.
Publicado Xoves 9 de Setembro de 2010 ás 14:14 en
Climántica |
0 comentarios
Climántica inicia mañá sábado 10 de outubro o primeiro curso de formación en Portugal. Este curso é unha adaptación ao sistema educativo portugués do curso de terceiro posgrao Ciencias para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica do que se convocará a segunda edición nesta páxina web para a semana. Está coordinado polo grupo docente de Climántica na Universidade de Coimbra que contan co apoio institucional de Comisión Nacional da Unesco en Portugal.
A formación presencial extendese ao longo do primeiro trimestre e remata o 19 de decembro, de acordo co programa. A fase práctica desenvolverase ao longo de todo o curso e ao remate do mesmo farase unha posta en común das experiencias piloto. Os docentes dos primeiros centros piloto en Portugal formados neste curso, desenvolverán a aplicación do proxecto con un blogue de centro da modalidade internacional de Climántica, quedando a súa disposición neste sitio web os titoriais en portugués.
Publicado Venres 18 de Xuño de 2010 ás 13:56 en
Climántica |
0 comentarios
Xa están publicados no apartado de Climantica TV os dous documentais que resumen o curso para os primeiros maestros que desenvolveron experiencias piloto de Climántica entre o 18 de abril e o 6 de xuño.
No primeiro documental resúmese a presentación do curso por parte do director de Climántica, Francisco Sóñora. A continuación pásase a unha visualización do resumo das tres xornadas dedicadas aos blogs do desenvolvemento da competencia dixital para xestionar, administrar e dotar de contido aos blogs das que se encargaron Susana Vázquez e Jesús Teira.
Tamén se fai un amplo resumo da explicación das actividades interactivas da subweb de Primaria por parte de José Manuel Bouzán. Este mestre enxeñeiro técnico informático foi o encargado de transformar en interactivas as actividades de Aprendemos coas Escolas Climánticas, que a súa vez están inspiradas no nº1 do comic dedicado ao cambio climático, do nº 2 do comic dedicado á enerxía, da novela A Treboada de C e do videoxogo CLMNTK, que tamén se presentou neste curso. Entre as ferramentas TIC para Primaria púxose o acento nas webquest, presentando como exemplo a de aforro e eficiencia enerxética no fogar e na escola publicada na subweb de Primaria. A súa autora Ana Cristina Torres da Universidade de Aveiro, foi quen fixo esta presentación das súas posibilidades didácticas e educativas. Todas estas propostas responden ao centro de interese “Movémonos e consumimos moi diferente a como o facían os nosos avós. Isto provocou o cambio climático, pero coa miña axuda podémolo frear”, que a súa vez se sustenta sobre a unidade 1 (cambio climático) e a unidade 2 (enerxía).
O segundo documental recolle un resumo das postas en común das experiencias piloto que se presentaron o 6 de xuño, data na que se clausurou o curso. As experiencias que presentaron os mestres dos centros piloto, mostraron un elevado potencial de réplica, o que ten máis mérito se cabe ao desenvolverse nos dous últimos meses de curso, polo que o equipo Climántica quere destacar e agradecer esta dedicación.