Riscos da minería a ceo aberto

Na minaría de carbón a ceo aberto (como ocorre no caso das Pontes na Coruña), o impacto producido pola explotación no medio natural é enorme, xa que a extracción do mineral require a modificación da paisaxe. A explotación por medio de cortas ou terrazas esixe a eliminación da cobertoira que cobre os estratos de carbón. Para a extracción deste utilízanse enormes máquinas de escavación como retroescavadoras, bulldozers, etc. Unha vez esgotados os recursos, as paisaxes que deixan tras de si as explotacións a ceo aberto son polo xeral depresións de considerables dimensións e montañas artificiais formadas polos estériles da mina, se ben é certo que actualmente as minas deste tipo contan con plans específicos de restauración das cortas que pretenden integrar o espazo degradado no contorno (rexeneración de antigas entulleiras, recheos das depresións ou mesmo reconversión destas en lagos).

Unidad 2

Un problema importante relacionado co contido en xofre do carbón é que pode acidificar as augas. Cando o carbón se pon en contacto coa auga e co aire, ben sexa na propia explotación ou no lugar de almacenamento dos estériles (entulleiras), o sulfuro de ferro oxídase dando lugar a compostos como o ácido sulfúrico (H2SO4). A chegada destes vertidos ás augas dos ríos ou aos acuíferos identifícase sen dificultade, pois deixa na área contaminada un manto de cor vermella que vai tinguindo as pedras e a vexetación. O efecto último destes vertidos é a eliminación en grandes zonas da fauna e flora que viven nos arredores do río afectado e a transformación dos solos en estériles.