Condicións das concas carboníferas

A maior parte da materia orgánica que chega ao solo non se conserva, senón que rapidamente é descomposta nas primeiras etapas do enterramento. Na conca onde se depositan estes restos vexetais téñense que dar unha serie de condicionantes que favorezan a preservación e posterior evolución dos mesmos. Estas zonas de acumulación correspóndense con áreas pantanosas de augas estancadas e pouco osixenadas. Actualmente poderiamos pensar que as latitudes tropicais serían os puntos de maior concentración destas turbeiras debido ao enorme volume de biomasa, pero non ocorre así, xa que tamén son zonas de alta actividade bacteriana que descompón con rapidez a materia orgánica, e polo tanto, é incompatible co desenvolvemento da turbeira. Os climas fríos de Irlanda, Escandinavia ou Canadá son os mellores aliados na actualidade para a aparición das turbeiras.

Unidad 2

As taxas de crecemento das turbeiras actuais (1 mm ao ano) son similares ás que se deron no pasado, co cal, para chegárense a formar as grandes concas do carbonífero, debemos pensar en centos de miles de anos de evolución. Pero non só se deposita materia orgánica nestes pantanos, senón que, como podemos comprobar hoxe en día nas explotacións de carbón, as capas deste mineral atópanse intercaladas con estratos de areíscas, conglomerados, etc.