A boa construcción e o urbanismo sostible para diminuir a pegada

Xa se falou con anterioridade sobre a importancia de mudar a nosa actitude e as nosas condutas dentro da nosa casa e no lugar onde traballamos ou estudamos para sermos máis eficientes e malgastar menos enerxía. Tamén é importante ter en conta como é a infraestrutura mesma, é dicir, como é a edificación na cal vivimos.

Sempre é moito máis recomendable rehabilitar e reformar unha casa ou un edificio xa construído que construír un novo. Aínda que teñamos que refacelo por dentro ou illalo de novo, o gasto enerxético e de materiais sempre será menor. Ademais, así evítase ter inmobles deshabitados dexenerándose, o cal repercute negativamente na vida dos barrios e no prezo das vivendas e fomenta o aumento de poder das empresas construtoras.

Unidad 2

Se dubidamos entre vivir nunha casa ou nun piso, pensemos que nun edificio o aforro enerxético é maior (xa que se aproveita a calor dos pisos que están por enriba, debaixo e polos lados). Por outro lado, canto máis compacta sexa a forma da casa ou do edificio, menos enerxía se vai dispersar.

Tamén debemos ter en conta a orientación da vivenda, xa que se a fachada principal está cara ao sur, captará gran cantidade de radiación solar no inverno e moderada no verán, o que se traduce nun fogar quente nas estacións de frío e fresco no verán, co grande aforro enerxético que isto supón tanto en calefacción como en aire acondicionado.

Para contribuír a este aforro enerxético debemos ter unha vivenda ben illada, así evitaremos as perdas de calor co exterior (ou perdas de frío, se estamos a tratar de refrescar a casa no verán). Debemos daquela empregar un material illante adecuado e que estea colocado de tal forma que cubra todos os peches exteriores (fachadas, cubertas etc.). Da multitude de materiais que funcionan como illantes debemos escoller os que sexan naturais, que non seguisen procesamentos con produtos químicos e que proveñan dos lugares máis próximos posibles. Así, vai ser moito máis adecuado empregar cortiza, cáñamo ou celulosa que polistireno.

Unha gran cantidade da enerxía das vivendas foxe polas xanelas. Debemos ter xanelas de vidro duplo, coa máxima separación posible entre os dous vidros (xa que canto maior é a cámara de aire, maior é o illamento e polo tanto o aforro enerxético). O tipo de carpintaría debe terse tamén en conta. A opción máis adecuada é a carpintaría de rotura de ponte térmica. Por outro lado, tamén debemos ter un sistema que permita regular a entrada de radiacións solares na vivenda, como persianas ou toldos, de tal forma que poidamos regular a intensidade de Sol segundo a época do ano e as nosas necesidades.

Se ademais instalamos paneis solares poderemos obter enerxía para quentar a vivenda e a auga. Estas instalacións poden parecer caras nun principio, mais amortízanse entre 5 e 12 anos, dependendo do consumo e da calidade da instalación. Ademais, existen axudas do goberno que fan esta opción máis viable.

Por último, todos os materiais de construción deben causar o menor impacto posible; a madeira debe ser certificada (o que garante que procede de bosques non primarios xestionados de forma sustentable) e as pinturas e vernices deben ser ecolóxicos.

Cando se teñen en conta todas estas características obtense un fogar cun máximo confort e mínimo consumo de enerxía. Estamos entón ante unha vivenda bioclimática.