O camiño para producir enerxía a partir do hidróxeno

Xa sabemos que o hidróxeno non se atopa libre e que para poder dispoñer del como combustible ten que ser extraído. Aínda que existen distintas formas de producir hidróxeno, case a metade procede do gas natural, facéndoo reaccionar con vapor. Este proceso libera hidróxeno e deixa como produto residual dióxido de carbono. Este proceso é o máis barato para obter H, pero como vemos a materia prima segue sendo un hidrocarburo (gas natural) e segue emitindo CO2 na conversión.

Outro proceso para liberar hidróxeno é por medio da electrólise. Este proceso consiste na introdución de dous eléctrodos de distinta carga (positivo e negativo) nun tanque de auga pura na que se disolve un electrólito, e na aplicación de corrente eléctrica continua ao mesmo. O resultado é que o hidróxeno se vai desprazar cara ao cátodo (eléctrodo de carga negativa) e o osíxeno cara ao ánodo (carga positiva). A electrólise non é moi usada, pois resulta máis caro este método (pode ser tres ou catro veces máis caro) que o de utilizar o gas natural como fonte de hidróxeno. Se a produción de gas natural chega ao seu máximo e, polo tanto, o custo da explotación se eleva, quizais a electricidade xerada mediante enerxías renovables puidese ser rendible nos procesos de electrólise.

Unidad 2

Polo tanto, as enerxías renovables, como son a fotovoltaica, eólica, hidráulica ou mesmo a xeotérmica, teñen un enorme potencial para xerar a electricidade necesaria para ser usada na produción de hidróxeno por electrólise da auga. O hidróxeno, nesta asociación coas renovables, actuaría como almacén de enerxía (unha vez superados os grandes problemas de custo das infraestruturas necesarias), que estaría dispoñible para ser subministrada cando fose necesaria.