O proceso de formación do petróleo

A primeira etapa do proceso de degradación da materia orgánica é a formación de metano pola acción das bacterias. Posteriormente, durante o enterramento da mesma, prodúcese a transformación a un produto intermedio denominado queróxeno, que pode ser de distintos tipos dependendo da materia orgánica orixinal presente nos sedimentos. Así, os denominados queróxenos de tipo I e II darán lugar á xeración de petróleo. Xunto coa presión actúa a temperatura, que alcanza as condicións máis favorables para a produción entre os 70 e os 100 ºC. Estas temperaturas pódense alcanzar, dependendo do gradiente xeotérmico, entre os 2 e os 3,5 km de profundidade. Co aumento da temperatura diminúe a produción de petróleo e aumenta a de gas “húmido” (chámase así, xa que xunto co metano entran na composición etano, propano e butano, que poden condensarse con facilidade á fase líquida). A partir dos 150 ºC xérase gas seco (composto principalmente de metano), e se o enterramento é máis fondo os residuos poden chegar a converterse en grafito.

Unidad 2

Podemos facer, xa que logo, a seguinte reflexión: rochas que conteñen diferentes tipos de materia orgánica, ou de tipo similar pero que pasou por condicións de enterramento distintas, poden xerar volumes moi variables de petróleo. Ademais, os sedimentos de orixe mariña con materia orgánica rica en lípidos producen petróleo e gas húmido baixo as condicións que vimos con anterioridade. Non obstante, baixo esas mesmas condicións, os sedimentos terrestres con materia orgánica rica en celulosa derivan na formación de carbón e gas seco.